Noticias

A presidenta da Deputación felicita a Tamara Echegoyen polo seu diploma olímpico en Río'16

Carmela Silva transmitiulle a felicitación en nome das pontevedresas e pontevedreses e subliñou que "é un orgullo contar con ela entre nós"


19 ago 2016

A presidenta da Deputación de Pontevedra felicitou telefonicamente a Tamara Echegoyen polo seu cuarto posto e diploma olímpico en Río'16 na modalidade de 49er FX. Carmela Silva quixo transmitirlle a felicitación en nome de todas e todos os pontevedreses, subliñando que "é un orgullo contar con ela entre nós".  

Carmela Silva destacou sobre Echegoyen, ademais, o seu papel clave para "visibilizar ás mulleres, para demostrar que as mulleres, non sen moitos sacrificios e traballo, podemos acadar os nosos soños, podemos competir na elite deportiva e obter excelentes resultados".

Tamara Echegoyen, de 32 anos, é unha das regatistas máis importantes do panorama internacional. Entre os seus méritos figuran ser campioa de Europa en 2000 e 2004; campioa do mundo en 2001, 2002 e 2005 da clase Vaurien; campioa de España en 2010 e 2011 en match race; campioa Iberoamericana, medalla de ouro nos Xogos Olímpicos de Londres, así como campioa do mundo de 49erFX no 2016. En 2012 obtivo o  Premio Nacional do Deporte e no 2013 a Medalla de Ouro da Real Orde do Mérito Deportivo.