Noticias

A presidenta da Deputación e o alcalde de Cuntis inauguran as obras de mellora na contorna do cruceiro no Campo, Troáns

En case tres anos na Deputación, o Goberno de Carmela Silva destinou a Cuntis investimentos por preto de 3 millóns de euros


25 maio 2018
Troáns

A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, acompañada do deputado de Cooperación, David Regades, e xunto ao alcalde de Cuntis, Manuel Campos, inauguraron esta tarde a actuación acometida polo Goberno local para mellorar a contorna do cruceiro no Campo, Troáns. Esta obra, cun orzamento de máis de 21.000 euros e financiada polo Plan Concellos da institución provincial, consistiu na mellora paisaxística da contorna do cruceiro garantindo o carácter enxebre do conxunto.

Na súa intervención a presidenta provincial dixo que "unha obra como esta pode parecer pequena pero estamos a falar de devolver a dignidade a un espazo público que a partir de agora será un punto de encontro para as veciñas e veciños. Ademais, destacou Carmela Silva, temos que coidar o noso patrimonio para que, igual que foi unha herdanza dos nosos antepasados, temos que deixalo nas mellores condicións para os que veñen detrás. Falamos dun cruceiro do século XVIII que merece ser tratado con xustiza". A presidenta agradeceu á veciñanza a súa implicación. "Ter espazos públicos dignos é un dereito da cidadanía e as administración estamos para iso".

Pola súa parte o alcalde de Cuntis, Manuel Campos agradeceu á Deputación o Plan Concellos "que permite facer cousas como estas e que nos deixa aos veciños e veciñas e aos concellos que escollamos a que dedicamos os cartos. Estamos moi contentos porque falamos dun cruceiro que ninguén fixo nunca nada para rehabilitalo".

Máis polo miúdo, e tal e como informou esta tarde Silva, o obxectivo da actuación era garantir a seguridade do espazo, xa que existía riscos de caída por diferentes alturas, así como retirar elementos de formigón, como un lavadoiro e unha pila, encintar as pedras do muro, limpar de vexetación, retirar maleza e instalar novas plantas.

A Deputación de Pontevedra destinou o pasado ano preto de 535.000 euros no marco do Plan Concellos a Cuntis. Este ano, a institución provincial incrementou a contía nun 73,74 % polo que pon a disposición da vila preto dun millón de euros para realizar investimentos, afrontar o pago de gasto corrente novo así como de actuacións culturais, deportivas e sociais e contratar persoal para garantir os servizos municipais.

Balance de tres anos de investimentos en Cuntis

Facendo balance, nos tres anos de lexislatura, o Goberno de Carmela Silva destinou á vila preto de 3 millóns de euros a través de diferentes servizos da Deputación de Pontevedra. Deste xeito, desde Cooperación destináronse máis de 2,1 millóns de euros ben a partir do Plan Concellos, ben dos préstamos sen xuros ou de achegas para a iluminación exterior sostible. Ademais, a área de Cohesión Social e Xuventude achegou a Cuntis preto de 150.000 euros para o cofinanciamento dos servizos sociais comunitarios municipais, axudas básicas de emerxencia, a teleasistencia domiciliaria así como se beneficiou dos programas de "Tecendo lazos", "Depotermal", "En ruta coa Depo", "Depo Aventura A Lanzada" e "Depo en marcha".

Cuntis recibiu tamén nestes últimos tres anos do Goberno da Deputación de Pontevedra preto de 130.000 euros no marco do Servizo de Cultura. Máis polo miúdo, a través destas achegas a vila puido promover actividades culturais, asociacións sen ánimo de lucro do concello puideron adquirir instrumentos ou vestiario así como mellorar as súas infraestruturas, realizáronse actividades de dinamización lingüística, rehabilitouse e sinalizouse o patrimonio histórico e cultural, así como realizáronse actividades de dinamización do galego e outras no marco do Ano Castelao e do Ano do Patrimonio.

En canto á área de Mobilidade, o concello de Cuntis recibiu máis de 77.000 euros a través dos cales acometéronse obras para reducir a velocidade en vías provinciais, puxéronse en marcha novos pasos peonís, pintáronse estradas provinciais e realizáronse rozas e limpezas nas mesmas.

Pola súa banda, en materia de Emprego Cuntis beneficiouse de preto de 41.000 euros a través dos plans de práctica laboral. Desde Igualdade destinouse ao concello preto de 20.300 euros para o fomento da igualdade de oportunidades e a prevención da violencia de xénero, así como para formación das mulleres da vila.

Ademais, o Goberno de Carmela Silva achegou preto de 9.000 euros para actuacións no eido deportivo e máis de 4.000 euros para melloras en materia de novas tecnoloxías. Tamén 3.000 euros no eido do Medio Ambiente e a través do Servizo de Comunicación Institucional imprimíronse ata 500 dípticos e 400 carteis de actividades da vila.