Noticias

A presidenta da Deputación cancela a súa axenda pública e permanece en O Porriño tras o accidente ferroviario

As bandeiras da Deputación ondean a media hasta desde primeira hora da mañá. Silva asegura que "non é o momento de facer análisis, senón de colaborar e sumar esforzos para dar unha resposta a todas as persoas que padeceron o accidente"


09 set 2016

A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, cancelou a primeira hora da mañá a súa axenda pública ao coñecer o tráxico accidente ferroviario do Tren Celta rexistrado en O Porriño, e desprazouse de inmediato á Estación da localidade pontevedresa para coñecer de primeira man os traballos dos efectivos do Consorcio de Salvamento e Anti Incendios que colaboraron nas labores de evacuación das vítimas.

"É un drama tremendo, un día terrible, pero temos que facerlle fronte, dixo a presidenta provincial. "O que temos que tentar nestes momentos é que os danos, dentro desta traxedia, sexan os menos posibles. As análises xa se farán, haberá tempo para analizar cales foron as causas do accidente, agora é o momento de colaborar, dar unha resposta a todas as persoas que padeceron o accidente e sumar esforzos", engadiu

Silva foi informada directamente pola alcaldesa do Porriño, Eva García de la Torre, e polo Xerente do Consorcio Provincial, Roberto Jorge Correa, dos traballos que se estaban realizando para evacuar ás persoas falecidas e feridas.

A presidenta expresou a súa conmoción pola lembranza de que hai só dous meses o Tren Celta foi quen levou á delegación da Deputación de Pontevedra a Porto para a promoción dos Rías Baixas Fests. "Estamos moi impactados. Neste mismo tren aquel día había música e cor, hoxe só hai tristeza".

Carmela Silva trasladou a súa dor e a súa solidariedade ás familias das vítimas. Desde esta mañá as bandeiras da Deputación de Pontevedra ondean a media hasta