Noticias

A presidenta da Deputación anuncia que en setembro comezará a complexa actuación para instalar o Sagrado Corazón na ermida da Guía

Carmela Silva explicou ao párroco de Teis que esta peza, de máis de cinco metros de altura e elaborada pola Escola de Cantería, completará a configuración do proxecto orixinal do arquitecto Gómez Román para a capela da Guía


02 agosto 2018
Reunión párroco Teis

A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, mantivo esta mañá unha reunión co párroco de Nosa Señora das Neves de Teis, Ramón Lera, para anunciarlle o inicio dos traballos para completar a configuración inicial da ermida da Guía realizada polo arquitecto Gómez Román. Segundo explicou Silva, este arquitecto contemplou a instalación dunha figura do sagrado corazón na cima da capela que, grazas ao compromiso da Deputación de Pontevedra e ao traballo da súa Escola de Cantería, comezará a facerse realidade a partir de setembro.

"Os traballos para a construción desta peza –informou a presidenta provincial- son moi complicados xa que estamos a falar dun conxunto en granito de grande envergadura, cun peso considerable, que vai estar situado sobre o campanario da ermida da Guía". Neste contexto, Carmela Silva explicou que a Escola de Cantería da Deputación de Pontevedra leva xa varios meses realizando estudos técnicos para a construción da figura do sagrado corazón, nos que se realizaron análises previas das estruturas, dos pesos e realizaron cálculos de proporcións para a posta en marcha do conxunto escultórico.

A partir de setembro comezará xa a realizarse a peza do sagrado corazón de máis de cinco metros de alto que poderá ser vista desde, practicamente, toda a cidade de Vigo. Neste eido, está previsto que a partir destas datas se realice o escaneado da peza para comezar coa súa construción e realización. Carmela Silva subliñou que "o proceso é complexo e laborioso xa que estamos a falar dun conxunto escultórico moi grande e que ademais ten que ser realizado atendendo ao cálculo de pesos e de proporcións realizado pola Escola de Cantería para garantir a seguridade do conxunto da ermida".

Segundo informou o párroco, cando se construíu a ermida, en 1951, non había suficientes cartos para completar a idea do arquitecto Gómez Román, que tamén contemplaba Antonio Palacios, e por iso se decidiu deixar para máis adiante a instalación da imaxe do sagrado corazón, ao que está dedicada a ermida. Ramón Lera amosou a súa satisfacción polo impulso realizado por Carmela Silva para completar a configuración da ermida da Guía e tamén lle agradeceu o seu compromiso.

Neste eido, a presidenta da Deputación de Pontevedra aproveitou a ocasión para anunciarlle ao párroco de Teis que, con motivo das festas desta fin de semana na Guía na honra de Nosa Señora das Neves, a institución provincial vai instalar uns paneis con imaxes do proxecto de construción do Sagrado Corazón que vai realizar a Escola de Cantería para que as veciñas e veciños poidan coñecer o desenvolvemento dos traballos.