Noticias

A presentación do libro "Carvalho Calero sem fronteiras" de Aser Álvarez poderase seguir en streaming na web da Deputación de Pontevedra

As prazas para asistir presencialmente ao evento das Letras Galegas 2020 na sede provincial en Vigo (20 horas) esgotáronse en minutos


22 outubro 2020
Presentación do libro

A Deputación de Pontevedra vai emitir en directo en streaming a través da súa páxina web a presentación do proxecto documental realizado por Aser Álvarez titulado ‘Carvalho Calero sen fronteiras' que terá lugar na sede da Deputación de Pontevedra en Vigo mañá venres 23 ás 20 horas.

Este acto, incluído na programación do Departamento de Lingua que dirixe a nacionalista, María Ortega, con motivo das Letras Galegas 2020, viu reducido o súa capacidade inicial debido ás restricións motivadas pola COVID-19. Ante a grande acollida da proposta (as prazas para asistir presencialmente en cuestión de minutos) a área decidiu habilitar a posibilidade de que a cidadanía realice un seguimento telemático.

Segundo lembra a deputada María Ortega, a programación da Deputación para as Letras Galegas 2020 busca "poñer en valor a figura de Carvalho Calero, a súa relevancia, e dar a coñecer a súa persoa, o seu pensamento e a súa obra", xa que se trata dunha das figuras máis relevantes e máis poliédricas do país, "un pioneiro sempre á vangarda".

O libro Carvalho Calero sem Fronteiras, é segundo o propio autor, Aser Álvarez, o resultado do audiovisual que ‘Arraianos Producións' realizou sobre Calero que se emitiu na TVG e que, xunto a outros traballos e materiais, deu lugar a unha ‘criatura' que pretende homenaxear a un dos autores "máis inxustamente descoñecidos pola súa independencia".

Trátase dun libro no que se recollen os textos, imaxes e a propia visión de Calero, un percorrido pola vida do autor, "un home que foi un resistente ata o final dos seus días". A presentación contará coa música de Moisés Quintas, que acompañará unha pequena parte musicada de poemas e audiovisuais.