Noticias

A praia de Aguete verá mellorada a mobilidade peonil no seu acceso a través dun convenio entre a Deputación e o concello de Marín

As obras teñen un orzamento de 230.840 € cos que se executará unha senda peonil na EP-1205 que seguirá o modelo de mobilidade amable e segura da Deputación


30 decembro 2021
Praia de Aguete

Acceder á praia de Aguete serán máis doado para todas e todos trala execución dunha senda peonil que será levada a cabo da man de Deputación e o concello de Marín. O convenio de colaboración co concello xa está aprobado e, polo tanto, abre o expediente para a contratación desta senda e permitir con ela a mellora da mobilidade peonil na EP-1205 ata o areal marinense.

As obras teñen un orzamento de 230.840 euros que serán sufragados maioritariamente pola Deputación, que achegará o 161.590 euros (o 70%) a través do citado convenio. Os 69.250 euros restantes (o 30%) serán aportados por Marín, que xa acordou financialos con cargo ao Plan Concellos 2022-2023.

As obras comprenden a realización dunha senda peonil diferenciada pola súa marxe dereita (dirección á praia) de 2,5 metros, separada da calzada mediante fitos, así como a colocación de sinalización horizontal e vertical. Ademais, a estrada pasará a contar cunha beiravía de 50 centímetros de ancho na súa marxe esquerda e tamén dunha cuneta de seguridade desta mesma anchura, facilitando tamén así a permeabilidade peonil.

Deste xeito, as actuacións seguen o modelo de seguridade amable da Deputación ao transformar o tramo nun itinerario seguro. O acceso á praia de Aguete, moi concorrido sobre todo nos meses de verán, non dispón na actualidade de ningunha zona para a circulación peonil que garanta a seguridade das persoas usuarias, o que fai que as e os peóns se vexan obrigados a invadir a calzada para poder acceder á praia.