Noticias

A posta en valor do territorio centrará a webinar da Deputación do 11 de novembro desde o Viveiro de Empresas de Lalín

Catro persoas relatoras amosarán exemplos de iniciativas emprendedoras que son quen de xerar riqueza na provincia dende o valor do local


08 novembro 2020

"Compartir experiencias emprendedoras: aposta e posta en valor do territorio" é o título da segunda webinar "Inspirándonos" que a Deputación de Pontevedra organiza o vindeiro mércores, 11 de novembro (ás 19 horas) a través do Viveiro de Empresas de Lalín.

Neste encontro online, que está dirixido a persoas emprendedoras, profesionais, empresas e público en xeral, catro especialistas darán a coñecer exemplos de iniciativas emprendedoras e innovadoras que son quen de xerar riqueza no territorio apoiándose no coñecemento da contorna, da cultura e da gastronomía. En concreto, na webinar intervirán María Rivas Couceiro, de Maruxío e Terra de Rebolos, un obradoiro de galletas artesás e un aloxamento nunha antiga casa de aldea que paralelamente é un espazo colaborativo con oferta de formación relacionada coa alimentación saudable, a saúde e a educación; Mª Hosé Tallón García, de Trasdeza Natur, un proxecto de agricultura ecolóxica e sostible que, ademais de vender produto fresco, comercializa en liña produto deshidratado empregando a enerxía do sol; Alejandro Brey, da Casa do Lagoeiro, unha casa de turismo rural promotora da iniciativa Solpores no Lagoeiro, cun ciclo de concertos e espectáculos realizados no exterior da casa; e Carmen Pereira Costa, de Namorarte, axencia de turismo de experiencias baseadas na cultura e na arqueoloxía do territorio.

As inscricións para participar nesta actividade, que é gratuíta e se difundirá vía Zoom, poden realizarse desde a páxina web da Deputación de Pontevedra (www.depo.gal). Para maior información, as persoas interesadas poden contactar co Viveiro de Lalín nos teléfonos 686 540 897 e 886 217 360 ou no enderezo electrónico viveiro.lalin@depo.gal. Este é a segunda das tres webinar "Inspirándonos" que desenvolverá ata decembro o  Viveiro de Empresas de Lalín, nos que se amosarán diferentes exemplos de inspiración en diferentes ámbitos. A actividade se enmarca no Plan para a Dinamización dos Viveiros de Lalín e Barro que ten en marcha a Deputación e que enfoca o seu desenvolvemento e metodoloxía na construción de modelos de negocio sostibles desde un punto de vista social, económico e medioambiental, que favorezan a xeración de riqueza no e para o territorio, e que estean aliñados cos valores e propósitos das persoas promotoras. Así mesmo, propíciase a colaboración e a creación e intercambio de coñecemento entre todas as partes implicadas.