Noticias

A poesía e a música de Lúa Mosquetera chega á Guarda con "Violencia zero" buscando actitude e cambio ante a violencia machista

A autora rompe esquemas ao usar o reguetón para musicar os seus poemas que poñen o foco sobre os micromachismos cotiás que sofren as mulleres


26 outubro 2020
Imaxe dos participantes no espectáculo

A poesía feminista de Lúa Mosquetera sonou esta tarde con toda a súa forza no concello da Guarda como unha chamada á reflexión e ao cambio fronte a violencias machistas na nova acción do programa da Deputación de Pontevedra "Mulleres en Acción. Violencia Zero". A proposta da artista tivo como escenario o campo de fútbol da Sangriña, coa asistencia de alumnas e alumnos e profesorado do IES do mesmo nome, ademais da deputada provincial de Igualdade, Victoria Alonso, e o alcalde da localidade, Antonio Lomba.

A través da base musical do reguetón, un xénero tipicamente machista, Mosquetera puxo o foco nos micromachismos que sofren a diario as mulleres e na necesidade dun cambio na busca da igualdade. A poeta recitou dous dos seus poemas, Por si nunca vuelvo a casa e Reguetón, este último baseado nas testemuñas reais de dez mulleres e que tivo unha grande repercusión trala súa estrea este verán en redes sociais. "Mandeilles un cuestionario a estas mulleres e as súas respostas foron unha revelación para min –explicou–. Dinme conta da cantidade de micromachismos que as mulleres sufrimos de xeito bestial a través de actitudes cotiás e, de xeito, moitas das respostas destas mulleres se repetían". A artista concluíu cunha reflexión: "Mentres se dedican a sinalar os nosos supostos erros no feminismo, seguimos convivindo a diario con múltiples micromachismos que revelan unha violencia machista en potencia –sinalou– ‘Reguetón' quere arroxar luz sobre eles e chamar así ao cambio".

Pola súa banda, a deputada de Igualdade, Victoria Alonso, incidiu na importancia da acción colectiva para poñer freo á violencia de xénero, que neste 2020 xa se cobrou 37 vítimas mortais. "Diso trata este programa, Violencia zero, de que precisamos –destacou– levar a cabo unha acción conxunta que nos comprometa a todas e a todos neste obxectivo da loita pola igualdade e contra todo tipo de violencia machista, incluída a que pasa máis desapercibida, como son eses micromachismos cotiás, aos que temos que responder".

O alcalde da Guarda, Antonio Lomba, tamén fixo fincapé na situación das mulleres que están a sufrir situacións de violencia, ao tempo que amosou a súa esperanza de que "nun tempo futuro no que non fagan falta este tipo de actos porque teñamos avanzado como sociedade ata recoñecer que homes e mulleres, sendo distintos, temos os mesmos dereitos como cidadáns".

A de esta tarde na Guarda foi a vixésimo primeira acción desta quinta edición do programa "Violencia zero" da Deputación, despois do seu paso por Pontevedra, Vigo, Lalín, Ponteareas, A Cañiza, Forcarei, Crecente, Mos, Redondela, Cangas, Marín, Gondomar, O Grove, Cambados, O Rosal, Mondariz, Pontecesures, Sanxenxo, Cerdedo-Cotobade e Tui. O proxecto, que ten por obxecto visibilizar á loita contra as violencias machistas, así como dar a coñecer o labor de novas artistas que están a traballar a prol da igualdade, inclúe accións de performance, poesía, música, graffiti, acción escénica ou danza contemporánea

Fotos