Noticias

A poesía chega a Vigo da man do festival "Poemaria"

O festival, impulsado pola Deputación de Pontevedra, terá lugar o 24 e o 25 de xuño e contará coa participación da poeta Chus Pato, lecturas de poetas con ampla traxectoria editorial ou obradoiros e contacontos para nenos e nenas, entre outras actividades


21 jun 2016

O festival anual de poesía Poemaria, impulsado e apoiado pola Deputación de Pontevedra e o Concello de Vigo, terá lugar en distintos espazos da cidade de Vigo entre o 24 e o 25 de xuño. A través deste festival, que contará coa presenza dalgunhas das voces máis interesantes do panorama editorial contemporáneo, Vigo converterase nun escaparate para o mellor e o máis recoñecido talento das letras na esfera galega e estatal. Poemaria está dirixida pola irlandesa Keith Payne (Dublín) e a viguesa Patricia Sánchez. Ambas as dúas levan moitos anos traballando en poesía, no mundo editorial e na organización de eventos internacionais.

O principal obxectivo desta iniciativa, un festival enfocado a todos os públicos, é o ser unha plataforma para o recoñecemento das mulleres na poesía e, ademais, visibilizar o seu labor creativo. Neste sentido, Poemaria contará coa participación da poeta Chus Pato,  unha muller que "seguiu o exemplo da nosa Rosalía, indo alén dos límites da poesía e xénero ata chegar a outros eidos descoñecidos ata o momento", como sinalan dende a organización do festival. Xunto a ela estarán as antólogas, editoras e poetas Miriam Reyes, responsable da antoloxía de poesía galega "Punto de Ebullición", e Ana Gorría, coordinadora de "Novas de Poesía, 17 poetas". Ambas as dúas están conseguindo que unha multitude de lectores e lectoras da península Ibérica teñan acceso a unha boa mostra do excelente nivel literario que existe en Galicia grazas ás súas impecables traducións.

O programa de Poemaria contará con cine, música, poesía ao aire libre, poesía en bicicleta ou mesmo poesía en picnic. Unha das súas actividades máis salientables serán as lecturas a cargo poetas cunha consolidada traxectoria editorial procedentes de Bilbao, Valencia ou Sevilla como Itziar Mínguez, Víktor Gómez e María Ramos. Ademais, mesturaranse coas voces máis salientables do panorama galego como son Elvira Ribeiro, Silvia Penas ("Cinta Adhesiva"), Daniel Salgado, Iolanda Zúñiga, Ismael Ramos, Alexia Dotras ou Miguel Alonso Diz, entre outras. Ademais, a través de obradoiros e os contacontos, a cidadanía de Vigo de todas as idades latexará co ritmo da poesía, pois ata os máis pequenos poderán iniciarse no fascinante mundo das letras.