Noticias

A piques de rematar o periodo de consultas a administracións para a estrada entre a avenida de Marín e Rosalía de Castro en Mollabao

Se non se producen alegacións o informe de impacto ambiental terá vía libre e continuarase a tramitación coa autorización de Costas


10 xullo 2020
Planta Mollabao

Os permisos para facer realidade a nova vía que conectará a rúa Rosalía de Castro coa Avenida de Marín en Mollabao seguen movéndose. O vicepresidente da Deputación, César Mosquera, anunciou hoxe que está a piques de rematar o período de consultas a administracións afectadas pola nova estrada. A partir de aí, se non se producen obxeccións, a Dirección Xeral de Calidade Ambiental deberá emitir informe de impacto ambiental aclarando se o proxecto ten ou non efectos significativos sobre o medio ambiente.

Segundo explicou Mosquera, a Consellería de Medio Ambiente informou á Deputación hai un mes da apertura dun periodo de consultas ás administracións afectadas polo novo vial, neste caso, ADIF (pola existencia dunha vía), Costas (por estar en suelo marítimo terrestre) e os concellos colindantes (Pontevedra e Marín), para que remitisen os seus informes sectoriais e alegacións ao respecto. O prazo está a piques de rematar e a previsión é que non se produzan atrancos e, por tanto, que o departamento de Calidade da Xunta poida formular unha avaliación de impacto simplificada (que tamén será exposta ao público mediante anuncio no DOG).

Unha vez salvado este último trámite no departamento autonómico, o proxecto da estrada aínda deberá volver ao departamento de Costas do Estado para autorización definitiva. Hai que lembrar que o proxecto da nova estrada recolle "de maneira escrupulosa" todas as indicacións apuntadas dende o departamento estatal de Costas nas dilixencias previas, polo que o persoal técnico da Deputación considera que non debería haber máis complicacións no que resta de tramitación administrativa que as derivadas da acumulación de traballo motivada pola crise da COVID-19. O propio vicepresidente Mosquera subliñou a complicación da tramitación para realizar esta estrada, apuntando que unha vez todos os papeis e autorización estean en orde a execución das obras vai ser inmediata.

Segundo a valoración realizada no seu día, a nova vía que conectará a estrada vella e a autovía de Marín en Mollabao terá un custe aproximado dun millón de euros (932.200, 03€). Así se desglosa no proxecto realizado pola consultora ‘AinActive' contratada pola Deputación para o deseño do vial, que indica a necesidade de construír varias columnas de grava para dar estabilidade ao terreo que incrementarán en máis de 300.000 euros o investimento previsto.

O estudo xeotécnico, hai que lembrar, detectou a necesidade de dar máis solidez á base da estrada, unha zona marítimo terrestre recheada con cantullos, co fin de evitar afundimentos no futuro unha vez o tránsito rodado sexa continuo, polo que na parcela ‘inxectaranse' varias columnas de grava dun diámetro de 0,90 metros e ata tres metros de profundidade para consolidar o terreo.

Ademáis deste incremento no custe das obras (arredor duns 300.000 euros) pola falta de estabilidade, o orzamento tamén subirá pola necesidade de soterrar unha liña de media tensión que pasa pola zona máis cercana á autovía. A liña eléctrica deberá baixarse ao chegar a unha glorieta de nova creación, pasará por canalizacións, e volverá a ser aérea unha vez salvada a rotonda.

O proxecto definitivo para a estrada contempla que estará disposta entre dúas glorietas, unha na avenida de Marín e outra na estrada vella. A lonxitude da vía -entre os centros das rotondas- será finalmente duns 97 metros e o seu ancho será de 15 metros, divididos nunha sección de dous carrís de catro metros, dúas beiravías dun metro, e dúas sendas de 2,5 metros.

A glorieta máis cercana á ría terá un radio exterior de 16 metros, contando o parterre interior de arredor de 13 metros de diámetro, un empedrado de metro e medio,  dous carrís de 3,5 metros cada un, e de dúas beiravías de 0,50. A glorieta interior será máis pequena, únicamente chegando aos 13 metros de radio, e coa mesma disposición de carrís e beiravías.

Renovaranse todos os servizos, instalarase nova iluminación (desprazando algúns dos puntos actuais, conectando 10 novas luminarias e 8 reforzos lumínicos nos pasos de peóns), ademais de plantar vexetación nos espazos verdes das rotondas e tamén algunhas árbores de maior porte.

En canto ao calmado do tráfico, construiranse dous pasos de peóns sobreelevados (PPS) na rúa Rosalía de Castro, antes e despois da glorieta de acceso; outro PPS no medio da estrada de nova construción; e outro antes da glorieta da avenida de Marín.