Noticias

A pintura de Raúl Velloso reivindica á muller galega na primeira exposición do ano na sede da Deputación en Vigo

Carmela Silva inaugurou a mostra do artista cangués, que reúne unha trintena de obras na Sala Rosalía e poderá visitarse ata o 27 de febreiro


12 xaneiro 2022
Expo Raúl Velloso

Arte, música e feminismo fusionáronse hoxe na apertura da exposición pictórica "Expresiomixta", de Raúl Velloso, coa que a sede da Deputación en Vigo estrea a súa programación anual. A Sala Rosalía de Castro tínguese de cor e de reivindicación da muller galega nesta mostra que amosa a esencia da arte de Velloso e que poderá visitarse ata o 27 de febreiro e que, como subliñou a presidenta provincial Carmela Silva "é unha perfecta homenaxe á muller da man dun home feminista". O acto, que reuniu na sala a representantes das distintas disciplinas culturais da cidade, contou coa actuación en vivo do dúo de percusión formado por Noelia Leite e Marcela Porto.

A mostra reúne unha trintena de obras nas que o artista Raúl Velloso, (Cangas, 1965), enxalza o papel da muller galega, alén da muller no mundo, fóra dos tradicionais estereotipos femininos ao longo da historia da arte. A presidenta da Deputación, Carmela Silva, subliñou que non puido ser máis acertada a elección desta proposta para abrir a programación anual da sede de Vigo, que no primeiro semestre xa ten pechadas seis exposicións, tanto pola súa calidade como polo seu carácter reivindicativo da igualdade. "Precisamos que homes como Raúl Velloso nos acompañen nesta loita das mulleres –subliñou-, que é a loita máis xusta no mundo. Hoxe reivindicamos que a muller por fin está a ser recoñecida no mundo da arte, pero que aínda que como en todos os campos quédanos moito por facer para acadar a plena igualdade".

A presidenta provincial destacou o emprego da cor característico da obra de Velloso "para dar aínda máis luminosidade a esta loita" e puxo en valor a dilatada traxectoria deste creador "tan potente e referente desta provincia, que descubrira a súa vocación nos anos 90 cando residía en Barcelona e fora descuberto por Antoni Tàpies, quen durante anos lle ensinou na súa propia casa as técnicas de pigmentos, texturas e da cor que o artista ten convertido no seu estilo característico". De feito, apuntou Carmela Silva, "hai que subliñar que  foi o único creador que pintou no estudo de Tàpies e traballou ao carón del durante anos"

 

Na inauguración, o creador cangués Raúl Velloso sinalou que "inspireime en todas e cada unha das mulleres que asoman nestes cadros, no seu día a día, no seu traballo, na súa loita ou no ocio, para traer unha exposición contundente, forte e reivindicativa. Foi un proceso onde pretendín encher de cor e luminosidade a alma da muller galega. A muller relegada a roles secundarios, coidando a casa, o campo e a familia, pero hoxe reivindicando un papel principal que antes non se vía recoñecido".

Neste senso Velloso citou en concreto o "xusto avance do papel da muller" nos últimos anos no mercado da arte. "Hai trinta anos vendía cadros, e maioritariamente o traballo duro das galerías estaba a cargo das mulleres, pero as presidían homes –sinalou-. Os recoñecementos nas entregas de premios e nas entrevistas eran para os homes. Nos medios só se falaba de coleccionistas e galeristas masculinos. Os compradores eran maioritariamente homes e a muller acompañaba ao seu esposo ou tiña que pedir permiso para adquirir unha obra e poucas veces decidía por si mesma. Hoxe as galerías están en mans de mulleres e homes, as mulleres tamén as xestionan e son a cara visible, as dirixen, asinan os contratos coas feiras, negocian condicións, buscan artistas. O papel da muller tamén cambiou afortunadamente como compradora. Ten gañado independencia e rompeu o complexo mental para prescindir da bochornosa necesidade de pedir permiso ao seu marido para comprar".

Na súa obra, que as viguesas e vigueses poderán desfrutar na sede da Deputación ata finais de febreiro, Velloso semella contemplar a realidade como a través dun espello deformador, que expande os volumes, ondula as liñas e caricaturiza a realidade. O artista cangués ten exposto nas feiras de arte máis prestixiosas do mundo, como a Art Basel Miami, Art Basel Switzerland ou Arco en Madrid, amais de en prestixiosas galerías de Barcelona, Madrid, Chicago, Kyoto, Berlín, Xénova ou Londres, alén de Galicia.

Fotos