Noticias

A `performance´ de Paula Sanmartín abre en Mos a sexta edición do programa da Deputación "Mulleres en acción. Violencia zero"

O programa provincial de concienciación contra as violencias machistas adáptase ás actuais restricións da pandemia e ofrécese en directo por "streaming"


11 febreiro 2021
Mulleres en Acción. Violencia Zero

As actividades impulsadas pola Deputación de Pontevedra na loita pola igualdade e contra a violencia de xénero non se deteñen por mor da pandemia. O programa "Mulleres en acción. Violencia zero" comezou a súa sexta edición adaptándose ás restricións sanitarias cun acto realizado no auditorio de Mos e transmitido en directo por streaming a través da web da Deputación e do Concello. A peza Pulso, a cargo da artista Paula Sanmartín foi a protagonista, dando voz ao terceiro sexo (persoas que non encaixan nos sexos masculino ou feminino) e á loita contra a violencia institucionalizada.

A deputada de Igualdade, Victoria Alonso, acompañada da alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, asistiu á representación, realizada no auditorio e sen asistencia de público. O alumnado do IES de Mos, que o ano pasado acolleu nas instalacións do instituto o paso de "Mulleres en acción. Violencia zero", ten programada unha actividade pedagóxica para mañá venres, a partir do visionado da peza.

"Mulleres en acción. Violencia zero naceu para mobilizar conciencias, así que non para aínda que a COVID-19 este entre todos nós" afirmou contundente Victoria Alonso. A deputada sinalou a necesidade de continuar co programa que leva a igualdade por toda a provincia facendo fincapé en que "esta loita non se pode frear, especialmente nas actuais circunstancias, nas que moitas mulleres se viron obrigadas a estar moito máis tempo na casa cos seus presuntos agresores". Citando o exemplo de Paula Sanmartín, Alonso quixo pór de relevo que "as mulleres podemos ser todo o que queiramos" e que "é necesario concienciar a sociedade para comprender a importancia de plantar cara ás violencias machistas e erradicar así esta lacra intrínseca da nosa sociedade".

Pola súa banda, a alcaldesa de Mos amosou o seu agradecemento á Deputación de Pontevedra e á artista, por poder gozar hoxe do programa; e tamén a súa satisfacción, destacando o feito de contar hoxe "cunha alcaldesa muller, unha deputada muller, unha conselleira muller e unha presidenta da Deputación muller". "Aínda nos queda un longo camiño por percorrer", afirmou animando á mocidade á loita.

Pulso é a terceira das catro performances que compoñen Desvío, unha peza de vocación contemporánea na que a autora fai unha viaxe desde 1920 ata 2020; percorrendo fitos tan importantes como o primeiro movemento feminista. Tira de ironía e utiliza as voces de Gila ou "dona Rogelia" para dobrar a Rock Hudson e Doris Day. Trátase dunha actuación ambientada nas décadas dos 50 e 60 na que a posta en escena cobra o máximo protagonismo e se citan moitas referencias para traballar nas temáticas que a protagonizan de forma lúdica e pormenorizada, sen recorrer ao emprego de personaxes. Paula Sanmartín ironiza co "Soño Americano" e o mesmísimo Supermán. Coa énfase na potencialidade da voz humana (a técnica da "spoken word") e apoiándose en proxeccións de vídeo-collage, a artista tomou o pulso a un problema enraizado na nosa sociedade co ánimo de suscitar preguntas.

"Mulleres en acción. Violencia zero" ten por obxectivo darlle visibilidade á loita contra as violencias machistas, así como dar a coñecer o labor de novas artistas que están a traballar a prol da igualdade. Nun momento no que non se pode tolerar un paso atrás nesta loita, este programa vólvese unha actuación máis urxente e necesaria se cabe para constituír un apoio real ás creadoras e unha aposta pola sensibilización. Para o que resta de 2021 "Mulleres en acción. Violencia zero" contará con 2 performances, 2 intervencións murais, 4 accións de danza contemporánea, 6 accións escénicas, 5 musicais e 1 poética.

Fotos

Vídeos