Noticias

A partires do 1 de decembro pódense recoller e reservar os convites para a gala ano castelao

Poderán recollerse no Sexto Edificio do Museo de Pontevedra e na sede da Deputación en Vigo ou facer a reserva no enderezo anocastelao@trisquelia.com


30 nov 2016
Gala Castelao

A partires de mañá, xoves día 1 de decembro, todas as persoas interesadas en asistir á Gala Ano Castelao poderán retirar ou reservar os convites. Os puntos físicos de retirada de convites establécense no Sexto Edificio do Museo de Pontevedra e na sede da Deputación en Vigo, e permitirase retirar un máximo de 2 convites por cada persoa. Tamén se activou o enderezo de correo electrónico 'anocastelao@trisquelia.com' para que as persoas que non se poidan achegar a estes puntos, teñan a opción de facer a reserva online, tamén por un máximo de dúas persoas. Tanto os convites físicos coma as reservas online deben ser cambiadas por unha entrada numerada na billeteira do Pazo da Cultura o domingo 18 de decembro ata media hora antes do inicio da Gala. Os convites que non sexan cambiados na billeteira no tempo establecido serán postos a disposición do público, e as portas da billeteira abrirán a partires das 16:30 horas o día da Gala.  

A recollida de convites na sede da Deputación en Vigo -rúa Oporto, 3- poderá realizarse de luns a venres en horario de 9 a 14 horas, e no Sexto Edificio do Museo de Pontevedra no horario de apertura habitual: de martes a sábado de 10 a 21h, e domingos e festivos de 11 a 14h.

A Gala do Ano Castelao terá lugar o domingo 18 de decembro ás 18 horas no Pazo de Cultura de Pontevedra e durante a súa celebración habilitarase un espazo infantil para rapaces e rapazas maiores de 5 anos, cun máximo de 50 prazas. Este espazo infantil estará atendido por Polo Correo do Vento e para solicitar praza é necesario reservar a través do enderezo electrónico: polocorreodovento@hotmail.com

A Gala Ano Castelao será un evento multidisplinar co que a Deputación pon o colofón ao Ano Castelao, rendendo homenaxe ás disciplinas que o autor rianxeiro cultivou ao longo da súa traxectoria artística. Estará presentada pola actriz pontevedresa Bea Campos e contará coa presenza do humorista Carlos Blanco e o debuxante Luis Davila, cun espectáculo adaptado de humor gráfico, con Xurxo Souto, Lydia Botana e 2naFronteira na parte musical, e con pezas teatrais que correrán a cargo de Celso Parada e de Limiar Teatro, que tamén participaron na programación teatral específica do Ano Castelao, cunha xira por todos os concellos da provincia.