Noticias

A partires das 18:30 horas de mañá xa se poderán retirar as entradas da Gala do Ano do Patrimonio

A billeteira do Auditorio de Cangas abrirá as 18:30 horas para cambiar os convites por unha entrada numerada e para recoller as reservas feitas por correo electrónico


15 decembro 2017
Budiño no fotocol da Gala do Ano do Patrimonio

Todas as persoas que reservaran entrada por correo electrónico ou recolleran un convite en papel para asistir á Gala do Ano do Patrimonio, poderán cambialas por unha entrada numerada na billeteira do Auditorio Municipal de Cangas a partires das 18:30 horas. As reservas que non se recollan e os convites que non se cambien antes das 19:30 h, media hora antes do comezo do espectáculo, serán postos a disposición do público ata esgotar butacas. Desde a apertura da billeteira ata a hora de comezo da gala, tamén está previsto que todas as persoas que o desexen poidan pasar polo fotocol realizado a partires da imaxe orixinal do cartel da gala, que fora deseñado por Luis Davila. Hai que lembrar que este fotocol, que xa fora utilizado con grande éxito durante o Culturgal, recrea nun espazo de preto de oito metros todo o escenario marítimo que protagoniza o cartel incluíndo elementos tridimensionais e unha intervención no corredor para simular a Costa da Vela e que o público poida interactuar e ‘navegar' cos personaxes do cartel.

Para as familias que desexen achegarse con nenos e nenas, lembramos que se habilitará un espazo infantil a cargo de Polo Correo do Vento, que realizará un contacontos e un obradoiro de debuxo ao redor da figura de Maruja Mallo, artista á que se lle dedicou este ano o Día das Artes Galegas. Poderán participar rapaces e rapazas maiores de 5 anos, cun máximo de 50 prazas. Para participar neste espazo pódese reservar con antelación a través do enderezo electrónico polocorreodovento@hotmail.com , ou directamente no auditorio xusto antes da gala.

A gala, que estará presentada pola actriz Isabel Risco, contemplará actuacións de regueifa, teatro e música relacionadas con diferentes aspectos patrimoniais. No eido musical, participarán Manuel Budiño, que cumpre o 20 aniversario do seu primeiro traballo Paralaia, que actuará con Mercedes Peón. Pola súa banda, a Coral Polifónica de Bueu ofrecerá un repertorio baseado na cultura mariñeira en colaboración con Xurxo Souto. Tamén no eido musical destacan o grupo Pelepau, unha formación que actualiza a tradición musical galega, e unha parella de regueifeiros, que ofrecerán unha demostración da arte da improvisación en verso. No eido das artes escénicas, as actuacións correrán a cargo de Teatro de Ningures que realizará unha pequena montaxe correspondente ao seu espectáculo baseado no desembarco turco; e de Rebeca Santos e compañía, cun espectáculo de altura que tomará como punto de referencia as lendas relacionadas co monte do Facho.

Sesión vermú

A gala incluirá un pase previo, concibida como unha sesión vermú, que correrá a cargo da agrupación musical ‘Os Modernos' e que terá lugar ás 12:30 horas no palco da música da alameda de Cangas. Trátase dunha actuación que chega tamén no marco do ciclo Música nos Palcos, co que se pretende recuperar a importancia que os palcos da música tiveron nas vilas e nas parroquias da provincia, dándolle visibilidade aos escenarios musicais tradicionais, recuperando o ambiente lúdico que lles é propio, e fomentando a música en galego. No caso concreto de Cangas, o palco sitúase no centro da Alameda e fora construído en 1926 grazas a unha doazón de José Féliz Soage Villarino, fillo de pescadores que emigrara a Arxentina.