Noticias

A oficina do Oral na cidade de Pontevedra modernízase cun novo local que centralizará a atención ao público

O punto único de atención habilítarase na rúa Manuel del Palacio, colindante á oficina actual, dotado con 7 postos e ferramentas tecnolóxicas para a realización de xestións


23 outubro 2020
Presentación nova oficina do ORAL

As oficinas do Organismo de Xestión, Inspección e Recadación dos Tributos municipais (ORAL) da Deputación na cidade de Pontevedra xa están a ser modernizadas cunhas obras que van a significar a posta en servizo dun punto único de atención integral ao público e, por tanto, unha importante mellora para reducir os tempos, mellorar a eficiencia e, de paso colaborar coa protección sanitaria tanto das persoas usuarias como do persoal, evitando os fluxos de circulación interna polas oficinas administrativas.

A presidenta da Deputación, Carmela Silva, sinalou que así "a cidadanía disporá dun punto único de atención nun local amplo, diáfano, con infraestruturas modernas e propio dunha Administración do século XXI". Ademais, explicou, o público contará coa axuda adicional de modernas ferramentas tecnolóxicas para poder realizar por si mesmo as xestións tributarias e, se é necesario, con asesoramento para familiarizarse coa súa utilización.

Os traballos teñen un orzamento de 140.000 euros e un prazo estimado de catro meses. A nova oficina terá unhas dimensións de 140 metros cadrados e, de acordo coa avaliación de necesidades realizada, incorporará 7 puntos de atención cidadá. Estará situará na rúa de Manuel del Palacio, número 16, local estremeiro coas oficinas actuais na avenida de Marín, dobrando a esquina. Este local viña empregándose como almacén e arquivo.

Ata agora as persoas que utilizan as oficinas do ORAL da cidade acceden pola avenida de Marín e deben desprazarse polas oficinas dependendo da súa consulta ou xestión. Isto implica que se teñen diferentes asuntos que tratar vense obrigadas a ir dun posto administrativo a outro. Coa centralización da atención nun punto único integral con entrada propia pola rúa Manuel del Palacio acábase con tódolos problemas derivados dos fluxos de desprazamento interno, optimízase o tempo de atención e, sobre todo, faise unha aposta decidida pola seguridade nun contexto epidemiolóxico. "A xente vai aforrar moito tempo", afirmou Carmela Silva, quen engadiu que esta obra "co que está a suceder, é aínda máis necesaria".

O ORAL da Deputación de Pontevedra é un organismo fortemente desconcentrado e apegado ao territorio como demostran os 23 centros de traballo distribuídos pola provincia desde os que dá servizo. Un total de 53 concellos de menos de 20.000 habitantes e 9 entes (mancomunidades e consorcios) teñen delegada algunha competencia de carácter tributario. O ORAL non só se ocupa da recadación municipal, pois ofrece servizos como a xestión catastral, a inspección, o asesoramento aos contribuíntes ou mesmo anticipos a conta aos concellos para garantirlles a liquidez necesaria para o seu normal funcionamento. A maiores, 26 concellos teñen delegadas no ORAL a xestión das súas sancións en materia de tráfico.

A atención ao público tamén foi reforzada pola Deputación no ano 2019, anticipándose aos efectos da pandemia, coa aposta decidida pola Oficina Virtual (https://ovt.depo.gal). Deste xeito o ORAL combina a atención a través de Internet, fundamentalmente dirixida ás persoas xurídicas, coa atención persoal e telefónica a aquelas persoas que carecen dos coñecementos necesarios para unha xestión telemática ou que simplemente prefiren realizar os seus trámites tributarios nunha oficina física e co asesoramento de persoal especializado.