Noticias

A necesidade da igualdade faise visible en Pontecesures grazas a un mural promovido pola Deputación de Pontevedra

A obra de Laura Tova enmárcase no programa "Mulleres en Acción. Violencia Zero" e busca advertir da lacra do machismo


06 agosto 2020
A obra de Laura Tova

"Renacer máis libres e fortes" é a frase que resume a esencia de "Kore", un mural presentado esta mañá en Pontecesures no marco do programa "Mulleres en Acción. Violencia Zero". A obra está situada na escola infantil de Pontecesures, lugar ao que acudiron Victoria Alonso, deputada de Cultura e Igualdade, e Juan Manuel Vidal, alcalde do Concello de Pontecesures, para admirar, en primeira persoa, esta obra da artista Laura Tova. Quen tampouco se quixeron perder a presentación foron os cativos e cativas do campamento de verán e das actividades deportivas que organiza o Concello.

Victoria Alonso aproveitou a ocasión para falar cos rapaces e rapazas e explicarlles que todos e todas, con independencia do noso xénero, temos os mesmos dereitos. A deputada quixo facer fincapé na necesidade de acadar a igualdade, un principio co que é importante que as xeracións futuras se comprometan. Por iso, pediu ás e aos pequenos que cando falaran co resto das súas amizades lles explicaran a lección aprendida nesta xornada. Pola súa banda, Juan Manuel Vidal puxo en valor o espazo no que está situado o mural posto que por ese lugar pasa o Camiño de Santiago e a obra será vista así por todos os peregrinos e peregrinas. No acto tamén tomou palabra Laura Tova, que resolveu as dúbidas que os pequenos e pequenas da casa tiñan sobre o proceso de creación do mural.

A creadora inspirouse no conto popular "A muller dos cabelos de ouro", no que unha muller é asasinada a causa da violencia machista mais consegue renacer e contar a súa experiencia para advertir a outras mulleres da lacra do machismo. A figura principal é unha muller azul, coma a lúa, unha cor coa que a artista representa a forza interior e o lado salvaxe das mulleres. Amais, esta figura conta cun terceiro ollo, co que Laura Tova representa a intuición, e está rodeada por dúas serpes como símbolo da sabedoría.

Esta foi a décimo quinta acción levada a cabo dentro da quinta edición do programa, iniciada en novembro de 2019. "Mulleres en Acción. Violencia Zero" ten por obxectivo darlle visibilidade á loita contra as violencias machistas, así como dar a coñecer o labor de novas artistas que están a traballar a prol da igualdade. Este ano volve reunir a 25 artistas especializadas en diferentes modalidades como son a pintura, a música, a danza, o teatro, a poesía, o graffiti ou a performance, vinculadas todas elas pola vontade de ofrecer na súa obra un firme discurso en favor da igualdade de xénero. Esta quinta edición estase a celebrar en 25 concellos da provincia (Pontevedra, Vigo, Lalín, Ponteareas, A Cañiza, Forcarei, Crecente, Mos, Redondela, Cangas, Cerdedo-Cotobade, Tui, Mondariz, Pontecesures, Gondomar, O Grove,  Marín, Vilagarcía de Arousa, Cambados, Sanxenxo, O Porriño, O Rosal, A Guarda, Meis e Moaña).

Fotos