Noticias

A música, a arquitectura e a ecoloxía centran as actividades da Deputación para esta fin de semana

A praia de Nerga, en Cangas, acolle este sábado a segunda xornada da campaña de Libera "1m2 por praias e mares" que esgotou as prazas de voluntariado para a recollida de "basuraleza"


02 outubro 2020

A oferta de actividades sostibles da Deputación non decae neste inicio de outubro. Así, música, arquitectura e coidado do medio ambiente centran a programación provincial nos concellos de Cangas, Vigo, Nigrán e Baiona.   

Ás dez da mañá deste sábado comezará a segunda das xornadas da campaña do Proxecto Libera "1m2 por praias e mares", na praia de Nerga, no concello de Cangas. Nesta actividade esgotáronse as dez prazas de voluntariado para participar na retirada de "basuraleza" no areal, co obxectivo posterior de tipificar e caracterizar o tipo de residuos que atopen. Os resultados serán incorporados ás bases de datos do Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico e servirán deste xeito para buscar estratexias máis eficientes para acabar con este grave problema ambiental. Hai que lembrar que esta iniciativa do Proxecto Libera á que se adheriu a Deputación está promovida pola asociación SEO/Birdlife en colaboración coa Federación Española de Municipios e Provincias (Femp).

Doutra banda, tamén o sábado e á mesma hora desenvolverase un novo Roteiro de Arquitectura, guiado pola doutora en Historia da Arte Paula Pita. Nesta ocasión, as e os participantes percorrerán diversos espazos e monumentos dos concellos de Vigo, Nigrán e Baiona. Máis polo miúdo, as visitas se realizarán ao Pazo de Castrelos, ao Templo Votivo do Mar en Panxón, á Igrexa de Santa Liberata e á ponte da Ramallosa

Na mesma xornada, celebrarase en Baiona un dos concertos do programa "Musigal" a cargo da banda Dakidarría. Será a partir das 20.30 horas na Carpa da Praza do Concello.