Noticias

A mostra "Exodus" sobre o drama dos refuxiados pódese visitar en Forcarei ata o 31 de agosto

Os deputados fixeron esta mañá unha visita guiada pola exposición no salón de actos da Casa Consistorial


17 ago 2016
Exodus
Exodus

O salón de actos da Casa do Concello de Forcarei acolle dende este mércores 17 de agosto a exposición fotográfica "Exodus: na procura de refuxio". A Deputada de Cohesión Social e Xuventude, Digna Rivas, e o Deputado de Economía, Facenda e Réxime Interior, Carlos López Font, acompañados pola alcaldesa Belén Chachafeiro, fixeron esta mañá unha visita guiada pola mostra, elaborada polos fotoxornalistas galegos Felipe Carnotto e Adrián Irago entre os meses de setembro e outubro de 2015. O seu traballo documenta as vivencias dos refuxiados e refuxiadas que foxen de distintos conflitos bélicos para chegar a Lesbos e percorrer os Balcáns na procura dun novo fogar en Europa. "Exodus" poderase visitar entre os días 17 e 31 de agosto no salón de actos da Casa consistorial, en horario de 9:00 a 14:00 horas da mañá e de luns a sábado.

Respecto a esta mostra, a Deputada de Cohesión Social e Xuventude, Digna Rivas, lembrou que "Exodus provén dos termos latino e grego que significan ‘saída', coas consecuencias que iso leva consigo". As persoas protagonistas destas imaxes son persoas "que escapan de países onde uns poucos están a impoñer a súa vontade por enriba de todo", que "arriscan as súas vidas ata chegar a perdelas no Mediterráneo" buscando "esperanza, paz e solidariedade", sinalou a Deputada provincial.

Digna Rivas explicou que o obxectivo da mostra é o de "facer que xurda unha reflexión profunda en todas as persoas que observen estas fotografías" porque, como sinalou, "é un drama que nos toca moi de preto, xa que só estamos a unha hora de distancia en avión". Ademais, asegurou, "témonos que sensibilizar co seu sufrimento e, ao mesmo tempo, impulsarnos a ser mellores persoas porque o día de mañá esas persoas poderiamos ser nós, pois esta situación non entende nin de clases sociais, nin de niveis de educación nin doutras circunstancias persoais".

A exposición xa se exhibiu entre o 29 de abril e o 10 de xuño no Pazo provincial da Deputación, "pero pareceunos boa idea que se fixera itinerante para que recorrese os concellos da provincia" e que a súa veciñanza, afirma a Deputada, "saiba o que está a acontecer". Rivas lembrou que esta mostra forma parte do compromiso que ten a Deputación de Pontevedra "como institución pública coa labor de divulgación de información, que é importantísima. Temos que ser quen informen á cidadanía do que está a acontecer no mundo". Polo de agora "Exodus" xa chegou aos concellos de Caldas de Reis, Salceda de Caselas, Nigrán e, agora, a Forcarei. En vindeiras datas, a mostra tamén visitará as vilas de Catoira, Moaña, Tomiño e Rodeiro.

Cómpre lembrar que Europa se está a afrontar á peor crise migratoria tras a Segunda Guerra Mundial. Segundo datos de ACNUR, máis dun millón de persoas cruzaron as illas gregas escapando do conflito en 2015. Un 25% delas eran menores de idade e, ademais, arredor de 3.700 persoas morreron no intento de cruzar o mar Exeo.

O seu camiño empeza en Oriente Medio. Foxen por centos de miles desde Siria, Iraq ou Afganistán. Un fluxo constante de humanidade dirixido polo medo, a inseguridade e a falta de oportunidades. A súa desesperación móveos a arriscar as súas vidas e a das súas familias por un futuro en paz. Fano desde Turquía, cruzando o mar Exeo ata as illas gregas en balsas de goma con nulas medidas de seguridade. En Grecia comeza un duro camiño entre fronteiras. Os refuxiados cruzan Europa cunha idea vaga de alcanzar Alemaña, Suecia ou Noruega. En Gevgelija, ao sur de Macedonia, na fronteira con Grecia, eríxese un campo de refuxiados ateigado de almas perdidas. Máis de dúas mil persoas ao día deixan a súa pegada nunha inhóspita paraxe.