Noticias

A mostra da deputación "Sorrisos Transformadores" chega este venres ao concello de Lalín

A presidenta Carmela Silva mostrou o seu apoio ás actividades do Concello "Lalín aposta pola igualdade. Estou orgullosísima da iniciativa do #CocidodoOrgullo"


23 marzo 2017
Sorrisos Transformadores

A exposición fotográfica da Deputación de Pontevedra e a Asociación de Familias de Persoas Trans* ARELAS "Sorrisos Transformadores" chega ao Concello de Lalín este venres 24 de marzo, dentro do programa de actos do Cocido do Orgullo. A deputada de Cohesión Social e Xuventude, Digna Rivas, acompañada polo alcalde Rafael Cuiña, será a encargada de inaugurar, ás 17.30 horas, a mostra de visibilización do colectivo LGTBI que levou a cabo a institución provincial, en colaboración coa Asociación de Familiares con Menores Trans* ARELAS, no marco da conmemoración do Día Internacional do Orgullo LGTBI, 28 de xuño, e que estará dispoñible neste espazo ata o venres 31 de marzo, cun horario de 8.00 a 15.00 horas de luns a venres.

"Sorrisos transformadores" é unha exposición fotográfica composta por 10 imaxes. Esta campaña de visibilización positiva inclúe as imaxes de persoas alegres, orgullosas, que amosan unha parcela da súa vida que lles gusta e irán acompañadas cada unha dun texto que reflicte unha frase ou unha idea sobre cada unha desas persoas e da súa contorna. Entre as persoas retratadas inclúense persoas de referencia social, sexan ou non transexuais, pero si relacionadas coa realidade destas persoas pola súa profesión e que axudan á hora de transmitir a súa mensaxe: educadores e educadoras, xuristas, políticos e políticas, psicólogos e psicólogas… A exposición ten un carácter itinerante e permanencia no tempo, para prolongar a reflexión por parte da cidadanía."Sorrisos Transformadores" nace co obxectivo de lles dar visibilización, sensibilización e naturalización ao colectivo trans e as súas familias, co fin de promover a igualdade de oportunidades e o respecto á diversidade.

As súas finalidades son as de, por unha banda, prever actitudes e comportamentos discriminatorios por orientación sexual ou identidade de xénero e, pola outra, combater o acoso escolar por estes dous motivos, favorecendo a visibilidade do alumnado LGTBI e a plena normalidade das orientacións sexuais e identidades de xénero. A este respecto, a campaña compleméntase cunha oferta de charlas informativas destinadas á comunidade escolar.