Noticias

A mostra sobre as mulleres represaliadas da provincia remata a súa itinerancia no Pazo provincial

"Rexas. Mulleres baixo o terror franquista", que estivo en catro comarcas da provincia, xa pode visitarse no hall da Deputación ata o 10 de decembro


09 novembro 2017
Exposición Rexas

"Rexas. Mulleres baixo o terror franquista" remata a súa itinerancia pola provincia no Pazo provincial, nun acto de inauguración que incluíu un coloquio co dúas familiares das vítimas homenaxeadas na mostra. A Pontevedra desta exposición, que lle pon rostro e nome a 172 mulleres que foron perseguidas, asasinadas, encarceradas e que, ademais, por mor da súa condición de mulleres, foron obxecto de vexacións de corte sexista, inclúese na semana de actos institucionais de Reparación da Memoria Histórica que organiza a Deputación. Este acto estivo encabezado polo deputado de Cultura e Lingua, Xosé Leal, e contou coa participación da escritora e comisaria da mostra, Montse Fajardo, e de dúas familiares das vítimas, Margarita Caballero Calleja e Tareixa Carro Sobral.

Xosé Leal volveu insistir na "a necesidade de nomear e recoñecer a todas as mulleres que padeceron as consecuencias do golpe fascista, tanto as que perderon a vida como as que, a pesares de quedar vivas, quedaron marcadas e sinaladas socialmente e con elas, os seus fillos e as súas fillas". O deputado tamén aproveitou salientar e poñer en valor "o traballo dos colectivos, persoas e institucións que traballan pola recuperación da Memoria" e engadiu que "é un traballo que sigue sendo moi necesario e no que debemos participar activamente as administracións". O deputado nacionalista anunciou que esta mostra, que neste ano xa percorreu catro comarcas, terá continuidade no vindeiro ano debido ao gran interese espertou entre o tecido asociativo e nos concellos da provincia.

A comisaria da exposición, Montse Fajardo explicou a tipoloxía de represión sufrida polas mulleres sinalando que "foron asasinadas, exiliadas, depuradas, vexadas, e foron vítimas das mesmas tipoloxías de represión que os homes pero ademais sufriron unha violencia con claros tintes sexistas e foron rapadas, tatuadas e agredidas sexualmente". A comisaria explicou que "a represión tiña aínda unha compoñente máis no caso feminino, non só sufriron represión polas súas implicacións políticas ou sindicais, senón tamén por estar emparentadas con homes perseguidos". Tamén reivindicou o papel das mulleres "que quedaron soas, marcadas como roxas, mentres os seus homes foran asasinados ou permanecían no cárcere".

Coloquio

Montse Fajardo explicou que "seguir na loita pola verdade foi o motor para organizar o coloquio desta tarde". Para isto a comisaria e escritora estivo acompañada por dúas mulleres de familias homenaxeadas na mostra: Margarita Caballero Calleja e Tareixa Carro Sobral

Margarita Caballero Calleja contaba 12 anos cando tivo lugar o golpe fascista. Ela foi a encargada de contar a súa historia familiar. O seu pai, Mauro Caballero, era socialista e estivo agochado durante anos nun oco da cociña da súa casa en pleno centro de Pontevedra. A súa nai, Petra Calleja, forma parte do panel que a mostra dedica ás solidarias por acoller e criar como unha filla máis a Manolita Gómez Lodeiro, orfa de Elvira Lodeiro, unha das dúas pontevedresas fusiladas en decembro de 1936. Margarita relatou no Salón de Plenos da Deputación o seu paso pola escola republicana, as súas lembranzas sobre o golpe, de como fixo de correo do seu pai agochado levando notas a outros republicanos da cidade e como viviu o exilio dos seus irmáns, tamén perseguidos polas súas ideas.

Tareixa Carro é bisneta de Hermosinda Lamoso, veciña de Vilaboa cuxa imaxe forma parte do panel de Sobreviventes. Foi a encargada e explicar como Hermosinda sacou adiante á familia logo de que o seu home, o veciño de Salcedo, Abelardo Sobral, fose asasinado polos fascistas. Explicou que nin sequera puido declararse viúva pois o seu corpo nunca apareceu, e que segundo a memoria oral foi arroxado á ría. Tareixa, que forma parte da directiva da asociación de memoria "A Regaduxa" de Vilaboa, falou de como se transmitiu o acontecido na súa familia e da importancia de que as xeracións de netas e bisnetas se involucren coa recuperación da memoria.

Mulleres represaliadas na comarca de Pontevedra

A comarca de Pontevedra é unha das máis representativas da mostra posto que hai mulleres desta zona en cada tipoloxía de represión rexistradas na mostra. A este respecto, a comisaria asegurou que "un percorrido polas imaxes relacionadas só coa cidade bastaría para coñecer as distintas formas de padecemento que a irrupción do fascismo provocou nas mulleres, non só nas ideoloxicamente comprometidas senón en todas polo mero feito de selo".

Así, Rexas recolle a historia de Elvira Lodeiro e Consuelo Acuña, fusiladas en decembro de 1936 tras ser detidas por agochar fuxidos en Salcedo. Inclúe tamén exemplos de mulleres detidas como Josefina Arruti, que sen militar politicamente foi apresada por ser a dona do primeiro alcalde republicano da cidade, Bibiano Fernández Osorio Tafall. Arruti é unha muller moi significativa na cidade, que conta con unha rúa co seu nome. Xunto a ela aparecen en Rexas outras mulleres levadas ao cuartel tras ser acusadas de dar acubillo a fuxidos como a veciña da Seca, Eusebia Durán Lusquiños, ou a de Lérez, Custodia Gama. A imaxe desta última forma parte do panel dedicado ás rapadas, pois durante o seu encerro foi sometida a esta e outras vexacións –como obrigala a varrer as rúas da cidade cun cartel que puña ‘comunista'  colgado do peito e ás costas– para intentar sen éxito que descubrise o paradoiro dos seus irmáns, destacados líderes comunistas. Estrella Portela ou Camila Pintos, veciñas de Salcedo son outras das pontevedresas recollidas neste panel, que tamén inclúe unha histórica foto doutra veciña do municipio, Encarna Silva, retratada cos rastros da rapa aínda visíbeis na súa cabeza –esta foto foi cedida polo programa municipal "A memoria das mulleres", que colaborou de xeito importantísimo coa mostra–.

Tamén forma parte de Rexas outra emblemática foto: a da veciña de Lérez, Mercedes Magdalena, pousando coas súas dúas fillas e o seu neno antes de marchar ao exilio, fuxindo da barbarie que xa lle custara a vida ao seu irmán Juan. No apartado do exilio hai outros nomes coñecidos na cidade como o de Adelina Gama, quen tras fuxir do país para evitar a represión pasou dous anos ingresada nun sanatorio mental de Bos Aires. E de Pontevedra é tamén Estrella Pintos, que aparece en Rexas tras ser detida e torturada diante do seu home, Manuel Méndez, ata facela perder a criatura que agardaba. Tiña xa dúas fillas con el, que foi asasinado con saña non aparecendo nunca o seu corpo.

Pero Pontevedra non está só presente nos nomes, senón tamén nos lugares. A mostra faise eco da conversión da Escola Normal en cárcere tras o triunfo do fascismo e ten un panel dedicado ás mestras "depuradas", con nomes tan coñecidos na cidade como Ernestina Otero, Dolores Cea ou Tucha e Fina Dios, todas elas mestras afastadas do seu emprego polo seu apoio aos valores da República.

Outra emblemática imaxe cedida a Rexas polo programa municipal é a de Cinta Rey abrazada ao piñeiro da Caeira onde o 12 de novembro foi asasinado o seu fillo, o líder galeguista Víctor Casas. A foto forma parte do panel final da mostra, dedicado á resistencia das mulleres que, a pesar do sufrido, foron quen de manter a memoria do verdadeiro relato do que pasou, en loita contra o discurso imperante no franquismo.

A historia de 172 mulleres

En total, a exposición conta as historias de 172 mulleres, algunhas delas feitas públicas por primeira vez, a través de 78 fotografías. Está dividida en tres bloques, sendo o primeiro o da contextualización histórica, que conta que o golpe de Estado supuxo unha quebra dos dereitos da República tanto no relativo ás clases como dende o punto de vista das mulleres, que despois pasaron a ser tuteladas por varón, igrexa ou a sección feminina.

A segunda parte da exposición, a máis longa, analiza as diferentes tipoloxías de represión e mostra que, a pesares de que as cifras amosan que os homes son maioría nas listaxes de vítimas, as mulleres non só padeceron as mesmas tipoloxías de represión ca eles, senón que ademais foron obxecto de vexacións de corte sexista aplicadas non só a aquelas cidadás significadas política ou sindicalmente, senón tamén ás familiares de homes perseguidos: foron rapadas, agredidas sexualmente, tatuadas, arrastradas con cordas ou obrigadas a bailar espidas diante da xente.

Finalmente, a terceira e última parte da mostra dedícase a recoñecer o labor solidario e resistente das mulleres, o seu apoio imprescindíbel á guerrilla, aos fuxidos, á xente presa e ás súas familias, ás viúvas e criaturas orfas, así como o seu protagonismo na transmisión da memoria.