Noticias

A mostra "Pegadas na paisaxe" encara a súa recta final no Pazo de Liñares despois de recibir case 2.800 visitantes dende o mes de xaneiro

A mostra dá a coñecer a riqueza arqueolóxica da provincia e promove as visitas aos castros e xacementos de Deza e centros etnográficos do norte de Pontevedra


27 agosto 2020
Pegadas na paisaxe

Un total de 2.780 persoas visitaron dende o mes de xaneiro o Pazo de Liñares, no concello de Lalín, onde se atopa exposta a exposición da Deputación de Pontevedra "Pegadas na paisaxe. O patrimonio de Deza". A mostra permanecerá ata o vindeiro domingo 6 de setembro nas dependencias palacianas para achegar á cidadanía o rico patrimonio arqueolóxico da provincia, contribuír á conservación e protección da paisaxe como parte do patrimonio cultural e fomentar a visita ós castros e xacementos da zona do Deza e outros centro etnográficos da provincia.

De entre o total de visitantes, 1.811 visitaron a mostra antes do decreto de estado de alarma do pasado mes de marzo. Outras, 969 acudiron dende finais do mes de maio, xa coas pertinentes medidas e protocolos sanitarios instaurados debido á crise xerada pola covid-19. Segundo a procedencia, as/os galegas/os foron os que máis visitaron o pazo, cun total de 1.933 asistentes. Non obstante, houbo un total de 332 asistentes doutras partes do Estado e 72 provenientes do estranxeiro.

A exposición que se pode ver en Liñares está organizada por Turismo Rías Baixas en colaboración co Museo de Pontevedra e co Concello de Lalín, e está estruturada en cinco eixos que abranguen "O patrimonio de Pontevedra", "O Deza: terra de castros", "Artefactos: pegadas no tempo", "As pegadas na paisaxe de Pontevedra" e  "O cálculo do tempo". Algúns dos elementos que están a espertar maior interese entre os visitantes son o chan con 107 castros localizados, a pulseira dun escravo africano atopada en Silleda, un exvoto que data a tradición milenaria do cultivo da mel e os cereiros en Serra do Candán ou o machado pulido de Agolada.

Así, céntrase nos castros de Montaz e Toiriz en Silleda; Castriño e Doade en Lalín e Pena Grande en Rodeiro, así como en outros once xacementos da provincia como A Cabeciña, Penalba, Castrolandín, Alobre, Santa Trega, A Lanzada, Monte do Castro, Adro Vello, Monte do Facho, Salinas de Vigo o Toralla.  Tamén amosa moedas, fragmentos de cerámica, unha lasca, unha estela, unha conta de bronce , unha argola africana e a fíbula romana de Rodeiro, atopadas nos distintos xacementos do Deza e pertencentes a un período que abarca dende o 1.500 ANE e o século VI. Xunto a estas pezas, a exposición presenta outras contemporáneas, relacionadas coa tradición do territorio, que dan mostra da evolución e transformación de diferentes actividades ao longo da historia, como o "besadoiro" do século XVIII do Centro Etnográfico Terra de Montes.

O contido expositivo estrutúrase en 100 metros cadrados que recollen os cinco ámbitos temáticos, información dos 16 xacementos e 36 obxectos arqueolóxicos, así como réplicas de elementos como o machado votivo de Deza, datando na Idade de Ferro. Presenta pezas, paneis e dioramas que dan conta da transformación da paisaxe dende a Idade de Bronce Final.