Noticias

A mostra "Mulleres galegas na historia" chega a Ponte Caldelas para reivindicar o papel de 17 mulleres invisibilizadas

A exposición poderá visitarse na sala de exposicións do centro cultural desde o sábado 8 ata o xoves 27 de febreiro


07 febreiro 2020
Mulleres Galegas na Historia

A mostra "Mulleres galegas na historia" chegará á sala de exposicións do centro cultural de Ponte Caldelas cun acto inaugural que terá lugar mañá, sábado, 8 de febreiro, ás 12 horas. A exposición, que reivindicará o papel de 17 mulleres invisibilizadas e silenciadas, trátase dun evento itinerante que chega a Ponte Caldelas tras o seu paso por Moaña, Valga, Cuntis, Ponteareas, Tomiño, Baiona, Portas, Vilagarcía de Arousa, Meis, Silleda e O Grove. A mostra, que se poderá visitar ata o 27 de febreiro, terá un horario de visita que será de luns a venres de 10 a 13 horas e de 16 a 20 horas.

En liñas xerais, "Mulleres galegas na historia" presenta dez paneis que amosa as biografías e imaxes de dezasete mulleres fundamentais na historia de Galicia en diferentes eidos como a cultura, arte ou a política. Deste xeito, a través da mostra preténdese poñer en valor ás mulleres invisibilizadas polo patriarcado que dedicaron a súa vida para o impulso cultural e o progreso social de Galicia.

En concreto, na mostra cobrarán protagonismo a soldadeira María Balteira; a nobre Inés de Castro; a líder rebelde María Castaña; as heroínas María Pita e María Soliña; as escritoras, xornalistas e activistas feministas Concepción Arenal e Emilia Pardo Bazán; a escritora Filomena Dato; a bailarina Bella Otero; a mestra e pedagoga Ernestina Otero; a feminista e activista comunista Enriqueta Otero; as pintoras Maruja Mallo, María Antonia Dans e Julia Minguillón; a actriz de cine e teatro María Casares; a escritora e tradutora Xela Arias e a poetisa e escritora Rosalía de Castro.