Noticias

A mostra integradora "Sorrisos transformadores" poderá verse desde este mércores no concello coruñés de Betanzos

Inclúese nas actividades do "Mes das diversidades sexuais", organizado polo Concello, para concienciar sobre as diferentes identidades sexuais e sobre a non discriminación


26 xuño 2018
Mostra Sorrisos Transformadores

O edificio Liceo de Betanzos acolle desde mañá a mostra "Sorrisos transformadores", unha iniciativa artística para a visibilización do colectivo LGTBI posta en marcha pola Deputación de Pontevedra en colaboración coa Asociación de Familias de Persoas Trans* ARELAS. A exposición estará aberta ao público ata o vindeiro xoves 12 de xullo no edificio Liceo. Os días laborais poderá visitarse entre as 10 e as 13 horas polas mañás, e entre as 18 e as 20:30 horas polas tardes. Os sábados o horario de apertura será de 11 a 14 horas.

"Sorrisos transformadores" é unha mostra fotográfica que ten por obxectivo a reflexión, por parte da cidadanía, sobre a realidade do colectivo trans e a prevención de actitudes discriminatorias. Así, pretende sensibilizar sobre a realidade destas persoas co fin de promover a igualdade de oportunidades e o respecto á diversidade.

Trátase dunha exposición itinerante que está percorrendo distintos concellos da provincia de Pontevedra e tamén algún outro emprazamento fóra da provincia, como é o caso de Betanzos ou foi tamén a Universidade de Santiago de Compostela. A mostra consta de dez fotografías de Noemí Chantada que amosan dez realidades de persoas trans e doutras persoas que non o son pero que, pola súa profesión, están moi vinculadas coa súa realidade. Todas as imaxes reflicten persoas alegres, orgullosas, positivas, que amosan unha parcela da súa vida que lles gusta. Cada fotografía está acompañada por un texto que reflicte unha frase ou unha idea sobre a protagonista ou sobre a súa contorna.

A finalidade de "Sorrisos transformadores" é dobre. Por unha banda, prever actitudes e comportamentos discriminatorios por orientación sexual ou identidade de xénero, e por outra, combater o acoso escolar por estes dous motivos, favorecendo a visibilidade do alumnado LGTBI e a plena normalidade das orientacións sexuais e identidades de xénero.