Noticias

A mostra integradora da Deputación "Sorrisos Transformadores" inaugúrase este martes en Pontevedra

A exposición, que poderá visitarse nas instalacións do IES Frei Martín Sarmiento ata o 31 de xaneiro, ten como obxectivo concienciar sobre as diferentes identidades sexuais e a non discriminación


20 xaneiro 2019
Sorrisos Transformadores

As instalacións do IES Frei Martín Sarmiento acollen este mércores ás 16:50 horas a inauguración oficial da mostra "Sorrisos Transformadores", unha iniciativa artística para a visibilización do colectivo LGTBI posta en marcha pola Deputación de Pontevedra en colaboración coa Asociación de Familias de Persoas Trans* ARELAS. A exposición, que está xa instalada no centro educativo, estará aberta ao público ata o próximo día 31.

"Sorrisos Transformadores" é unha mostra fotográfica que ten por obxectivo a reflexión, por parte da cidadanía, sobre a realidade do colectivo trans e a prevención de actitudes discriminatorias. Así, a exposición pretende sensibilizar sobre a realidade destas persoas co fin de promover a igualdade de oportunidades e o respecto á diversidade.

Trátase dunha mostra itinerante que está percorrendo distintos concellos da provincia de Pontevedra e tamén algún outro emprazamento fóra da provincia, coma Betanzos ou a Universidade de Santiago de Compostela. A mostra consta de dez fotografías de Noemí Chantada que amosan dez realidades de persoas trans e doutras persoas que non o son pero que, pola súa profesión, están moi vinculadas coa súa realidade. Todas as imaxes reflicten persoas alegres, orgullosas, positivas, que amosan unha parcela da súa vida que lles gusta. Ademais, cada fotografía está acompañada por un texto que reflicte unha frase ou unha idea sobre a persoa protagonista ou sobre a súa contorna.

A finalidade de "Sorrisos Transformadores" é dobre. Por unha banda, prever actitudes e comportamentos discriminatorios por orientación sexual ou identidade de xénero, e por outra, combater o acoso escolar por estes dous motivos, favorecendo a visibilidade do alumnado LGTBI e a plena normalidade das orientacións sexuais e identidades de xénero.