Noticias

A mostra integradora da Deputación de Pontevedra "Sorrisos transformadores" chega este mércores a Cuntis

A exposición estará nas instalacións do CPI Aurelio Marcelino Rey García ata o día 30 co obxectivo de concienciar sobre as diferentes identidades sexuais e a non discriminación


13 novembro 2018
Sorrisos transformadores

As instalacións do CPI Aurelio Marcelino Rey García acollen desde este mércores a mostra "Sorrisos transformadores", unha iniciativa artística para a visibilización do colectivo LGTBI posta en marcha pola Deputación de Pontevedra en colaboración coa Asociación de Familias de Persoas Trans* ARELAS. Estará aberta ao público ata o vindeiro día 30 de novembro, de luns a venres en horario de 9:00 a 14:00 horas. Neste eido, o vindeiro martes, 20 de novembro, terá lugar a inauguración oficial desta mostra no CPI Aurelio Marcelino Rey García, ás 15:30 horas. Máis polo miúdo, o acto contará coa presencia do alumnado e profesorado do centro escolar, e haberá unha charla-coloquio coa presidenta da Asociación Arelas, Cristina Palacios.

"Sorrisos transformadores" é unha mostra fotográfica que ten por obxectivo a reflexión, por parte da cidadanía, sobre a realidade do colectivo trans e a prevención de actitudes discriminatorias. Así, pretende sensibilizar sobre a realidade destas persoas co fin de promover a igualdade de oportunidades e o respecto á diversidade.

Trátase dunha exposición itinerante que está percorrendo distintos concellos da provincia de Pontevedra e tamén algún outro emprazamento fóra da provincia, coma Betanzos ou a Universidade de Santiago de Compostela. A mostra consta de dez fotografías de Noemí Chantada que amosan dez realidades de persoas trans e doutras persoas que non o son pero que, pola súa profesión, están moi vinculadas coa súa realidade. Todas as imaxes reflicten persoas alegres, orgullosas, positivas, que amosan unha parcela da súa vida que lles gusta. Cada fotografía está acompañada por un texto que reflicte unha frase ou unha idea sobre a protagonista ou sobre a súa contorna.

A finalidade de "Sorrisos transformadores" é dobre. Por unha banda, prever actitudes e comportamentos discriminatorios por orientación sexual ou identidade de xénero, e por outra, combater o acoso escolar por estes dous motivos, favorecendo a visibilidade do alumnado LGTBI e a plena normalidade das orientacións sexuais e identidades de xénero.