Noticias

A mostra dos Bolechas xa pode visitarse na comarca de Caldas

Durante o horario de mañá prográmanse visitas guiadas para que o alumnado dos centros educativos coñeza as variedades dialectais do país a través o universo Bolechas


23 outubro 2018
Os Bolechas en Caldas

Desde esta mañá e ata o 2 de novembro a mostra ‘Gatiños, Ghatiñas, Gatíos. Xeitos de falarmos galego' permanecerá instalada na praza do Camiño do Concello de Caldas de Reis para dar a coñecer a riqueza do idioma galego a través do universo Bolechas. Polas mañás a mostra poderá visitarse en grupos organizados a través dos centros educativos da comarca e polas tardes abre para todo tipo de público. O horario de apertura é de 10 a 13:30 h e de 16 a 20 h, de luns a venres; e os sábados, domingos e festivos é de 11 a 14 h e de 17 a 21 horas.

A exposición, organizada pola Deputación de Pontevedra no marco do Ano da Lingua, abriu oficialmente as súas portas esta mañá coa presenza dos irmáns e irmás Bolechas, Carlos, Pili, Loli, Braulio, Sonia e Tatá, que viaxaron ata Caldas de Reis para darlle a benvida e saudar a un grupo de 37 alumnos e alumnas do CEIP de San Clemente de César. Tamén estiveron presentes o deputado de Cultura e Lingua, Xosé Leal, o tenente de alcalde, Manuel González, e Tomás Valín representando á Editorial Bolanda.

O deputado de Cultura e Lingua, Xosé Leal, dirixiuse ao alumnado dicindo que "espero que aprendades moito e tamén que o pasedes moi ben, porque poderedes ver como falades vós e como falan os rapaces e rapazas doutras zonas." Xosé Leal indicoulles que "ademais tamén poderedes ver como falades vós e como falan as vosas nais, pais, avoas e os vosos avós que procedan doutros lugares". Por último, o deputado provincial animounos "a volver por aquí todas as veces que queirades, fóra do horario escolar, acompañados das vosas familias e tamén das vosas amigas e dos vosos amigos". O tenente de alcalde, Manuel González aproveitou para agradecer á Deputación "que os Bolechas estean hoxe aquí e que esta carpa permaneza no noso concello durante case dúas semanas". En representación da Editorial Bolanda, Tomás Valín explicou que a mostra está concibida "como un itinerario interactivo que nos vai contando como se fala en todos os puntos de Galicia, a través de diversos xogos que están aquí para que poidades utilizalos e aprender xogando".

A exposición –que xa estivo en Pontevedra, Lalín, Vilagarcía de Arousa, Moaña, A Estrada, e A Cañiza–, tras pasar por Caldas de Reis, continuará a súa itinerancia por Tomiño, Ponteareas e Vigo.

Estrutura

A riqueza do idioma e a necesidade de mantelo vivo e fomentar o seu uso desde idades temperás é o obxectivo fundamental de ‘Gatiños, Ghatiñas, Gatíos. Xeitos de falarmos galego'. A mostra, ademais de todos os aspectos lúdicos e pedagóxicos que contempla, tamén coida especialmente os elementos relativos á inclusión e á accesibilidade, tanto física como sensorial. Neste sentido, inclúe ramplas de acceso ao recinto, así como elementos sonoros e sensoriais, en braille e pictogramas de fácil lectura –estes últimos especialmente indicados para persoas con dificultades na aprendizaxe e mesmo con trastornos do espectro autista–.

O percorrido pola carpa estruturase en diferentes áreas consecutivas. A primeira sitúase na entrada coa ‘Porta das palabras', onde as rapazas e rapaces xa comezan a formar parte do proxecto toda vez que deben decidir por que porta entran ao recinto, xa que cada unha ten un nome e unha singularidade particular. Séguenlle unha zona de paneis para xogar coas variedades dialectais do idioma; e a unha zona táctil para interactuar a través de xogos e ir aceptando e superando retos. O eixo central é o ‘Faladoiro', concibido como o gran teatro  dos diálogos nun espazo deseñado como unha aula-auditorio con bancadas, escenario e pantallas para visualizar aventuras dos Bolechas e participar de viva voz no concurso que propoñen os audiovisuais. Continua cunha piscina de bólas concibida para navegar nun mar de palabras que deben atopar e encestar no caixón correspondente; cunha área inmersiva e multisensorial de luces, cores e son para estimular a aprendizaxe da linguaxe de xeito protagonista; un gran karaoke para interpretar cancións nas diferentes variedades dialectais; e unha zona touch e de experimentación con xogos táctiles de destreza, debuxo e pintura, tanto interactivos como tradicionais; e por último, o gran mapa da linguas concibido como un xogo da oca no que o taboleiro é un gran mapa de Galicia coas diferentes variedades dialectais, e cos seus correspondentes obstáculos, retos, desafíos e penalizacións.

Ademais a mostra contempla materiais de apoio e complementarios, como son as unidades didácticas deseñadas ad hoc a modo de caderno de actividades, que complementan e serven de repaso de todo o visto e vivido no percorrido expositivo. Inclúe tamén un libro aventura protagonizado polos Bolechas sobre as variedades dialectais do galego.Ademais a mostra contempla materiais de apoio e complementarios, como son as unidades didácticas deseñadas ad hoc a modo de caderno de actividades, que complementan e serven de repaso de todo o visto e vivido no percorrido expositivo. Inclúe tamén un libro aventura protagonizado polos Bolechas sobre as variedades dialectais do galego.