Noticias

A mostra da Deputación "Rompe. Xoga en igualdade" chega este luns a Gondomar para concienciar sobre a necesidade de romper coa violencia machista

A exposición protagonizada polas famosas bonecas Barbie poderá visitarse no Centro Neural ata o vindeiro 18 de setembro


04 agosto 2019
Rompe xoga en igualdade

A mostra "Rompe. Xoga en Igualdade", promovida pola Deputación de Pontevedra para denunciar a discriminación e desigualdade que sofren as mulleres, chega este luns ao Centro Neural de Gondomar. Ás 11:00 horas terá lugar a inauguración desta exposición, que ten por obxectivo cambiar o mundo e golpear as conciencias ante as situacións de desigualdade e discriminación das mulleres. A mostra poderá visitarse en Gondomar ata o vindeiro 18 de setembro, de luns a venres, de 9:00 a 14:00 horas.

"Rompe. Xoga en Igualdade" é unha exposición itinerante, vangardista e rompedora, creada por Isabel Blanco e Irene Silva, e con fotografías de Noemí Chantada. As protagonistas son as famosas bonecas Barbie, que foron intervidas para denunciar, de forma impactante, a desigualdade entre mulleres e homes. Esta mostra pretende "romper" e reivindicar a igualdade entre mulleres e homes, así como concienciar a sociedade da igualdade de oportunidades e apoiar a fin da discriminación contra o 52 % da poboación.

As bonecas amosan as situacións de desigualdade, violencia e discriminación que viven as mulleres dende nenas, recalcando a importancia do xogo para a educación, a transmisión de valores e a formación. A boneca seleccionada para a mostra foi a Barbie por tratarse da máis famosa da historia e coa que, a diario, xogan milleiros de nenas no mundo, pero que, ao mesmo tempo, presenta a unha muller obxecto que transmite valores sexistas que se están a reproducir tanto nos xogos como nas condutas das nenas e nenos.