Noticias

A mostra "A gaita na música tradicional galega" xa pode visitarse en Soutomaior

Forma parte da programación Ano da Lingua e permanecerá no Multiusos de Arcade ata o 21 de xuño


07 xuño 2018
mostra

Esta mañá o deputado de Cultura e Lingua, Xosé Leal, e a concelleira de Cultura de Soutomaior, M.ª Dolores Cernadas, participaron no acto de apertura da mostra ‘A gaita na música tradicional galega', que permanecerá aberta ao público no Multiusos de Arcade ata o vindeiro 21 de xuño. O acto oficial de inauguración contou coa actuación do grupo de música tradicional ‘Maraghotas' e coa asistencia dun grupo de alumnos e alumnas dun centro educativo do concello. Durante a súa intervención, o deputado provincial indicoulle ao alumnado que "sodes o futuro da gaita e da música tradicional galega, non só como futuros gaiteiros e gaiteiras, senón tamén como público con sensibilidade para apreciala e valorala en toda a súa dimensión". Leal tamén fixo referencia ao papel da muller gaiteira, aproveitando que o grupo ‘Maraghotas' está formado por catro mulleres, afirmando que "a muller sempre tivo un papel relevante no mundo da música e hai que visibilizalo e recoñecerllo" e animou a todas as formacións de música tradicional a "manter a nosa música viva e a seguir levándoa por todas as festas e as celebracións do país". Pola súa banda, M.ª Dolores Cernadas asegurou que "esta exposición é moi importante para poñer en valor un instrumento clave na nosa cultura galega" e animou ao alumnado "a volver visitala cos vosos amigos e cos vosos familiares". A concelleira de Cultura tamén se referiu ás formacións de música tradicional de Soutomaior asegurando que "desempeñan un traballo moi importante e permiten que os seus integrantes adquiran coñecementos musicais desde pequenos".

A mostra consta de 10 paneis que repasan a historia da gaita desde a súa aparición nun formato rudimentario na antiga Mesopotamia no 2.000 a. C. –onde xa se rexistra a idea de unir unha bolsa ou fol a un tubo sonoro–, ata a actualidade e facendo paradas en fitos e cuestións particulares como a figura do gaiteiro anónimo, o concurso de Ponteareas, a historia da Asociación de Gaiteiros Galegos, ou o único museo dedicado exclusivamente á gaita de fol como é a Casa da Gaita de Viascón. Está comisariada por Xaime Estévez Vila, Carlos Collazo de la Fuente e Ana Costas Carbajal, conta coa participación da Asociación de Gaiteiros Galegos, do obradoiro Gil de gaita tradicional, Pablo Carpintero, e inclúe numerosas fontes bibliográficas, deseños e fotografías dos fondos do Museo de Pontevedra.

"A gaita na música tradicional galega" pon en valor o que se considera o instrumento paradigmático da música galega, ao que diferentes autores dedican máis atención, desde Casto Sampedro no seu Cancionero Musical de Galicia, ate estudosas e estudosos contemporáneos como M.ª do Carme Novoa, M.ª Pilar Alén ou Xesús Ferro Ruibal. Tamén rende homenaxe á figura do gaiteiro, que vén desempeñando un papel musicalmente preponderante na sociedade xa desde tempos do imperio romano, onde os tibicen e os auletes practicaban un tipo de música reservada para os rituais, espectáculos públicos e as grandes celebracións. Este foi sen dúbida o papel do gaiteiro galego na sociedade rural ata ben entrado o século XIX e, nalgúns casos concretos, ata máis aló da metade do século XX.

A exposición pode visitarse no Multiusos de Arcade de luns a venres en horario de 9 a 14 horas. Despois de pasar por Soutomaior, continuará a itinerancia por Moaña, Mondariz e Rodeiro.