Noticias

A ministra de Medio Ambiente de Suecia interésase sobre como aplicar o modelo Pontevedra nas cidades suecas

O vicepresidente Mosquera instou a Karolina Skog a actuar "coas ideas claras e valentía" para deseñar cidades para as persoas


22 marzo 2018
Skog mostrouse moi interesada en que se dese voz ás crianzas no deseño das cidades e á perpectiva de xénero

O vicepresidente da Deputación César Mosquera e o representante do Concello de Pontevedra, Jesús Gómez Viñas, reuníronse hoxe coa ministra sueca de Medio Ambiente Karolina Skog no marco do encontro ‘Mobilidade e Comportamento' organizado pola asociación sueca Gröna Bilister na cidade de Eskilstuna.

Skog coñeceu o traballo feito na cidade de Pontevedra e que a Deputación está estendendo na provincia, e mostrouse sorprendida tanto pola redución do tráfico no núcleo urbano da capital, polo descenso da sinistralidade –con cero mortos e poucos feridos de gravidade ao aplicar medidas de calmado do tráfico como as do Plan Móvese–, así como polo uso dos espazos públicos como lugares de socialización nos que as persoas, principalmente nenas e nenos, son o elemento central das políticas de deseño urbano.

Mosquera e a política sueca intercambiaron impresións sobre a necesidade de que a cidadanía perciba que os espazos son un dereito universal como a educación ou a saúde. Skog louvou a perspectiva de xénero aplicada no modelo pontevedrés e a aposta de incorporar á infancia á hora de planificar urbanísticamente as cidades. Neste sentido, destacou o grande número de escolares que van camiñando sos á escola, un obxectivo que nestes momentos tamén é perseguido por moitas cidades suecas.

Preguntado pola ministra sobre o procedemento aplicado para transformar unha cidade chea de coches noutra con prioridade para as persoas, Mosquera instou á política a actuar de xeito global e valente xa que, segundo dixo, "cando a xente ve os beneficios de gozar do espazo publico o éxito do modelo está garantido". Salvando as distancias e diferencias entre as cidades suecas e as pontevedresas, Skog asegurou que o de Pontevedra é un modelo a seguir e manifestou o seu interese en trasladarse persoalmente para coñecer a provincia e ver in situ o traballo feito.

"Velocidade e calidade urbana son incompatibles"

No seu relatorio da mañá de hoxe Mosquera explicou que grazas ao traballo feito en Pontevedra aprendéronse varias leccións para aplicar o modelo noutras cidades e vilas. A primeira, dixo, é que as solucións técnicas existentes funcionan ben cando se teñen as ideas claras e os obxectivos son globais ; que gañar a cidade para a xente é tan valioso que non necesita máis compensación máis que ese obxectivo en si mesmo; e, finalmente, que a velocidade e a calidade urbana son incompatibles.

Pola súa banda, o voceiro da asociación Gröna Bilister, Martín Prieto, explicou que o congreso de mobilidade no que participan Deputación e Concello, baixo o título ‘Mobilidade e Comportamento', sempre tivo nas súas edicións anteriores un invitado estranxeiro. "Buscamos exemplos no mundo e atopamos que a cidade de Pontevedra tiña traballado con esta temática durante moito tempo con resultados exitosos. Aínda que en Suecia en xeral non se coñece Pontevedra, decidimos invitalos –a Deputación e Concello– e con sorte aceptaron a nosa invitación", indicou.

Prieto explicou que o relatorio foi moi ben recibido entre o publico e tamén entre os outros relatores que "estaban realmente sorprendidos" polos logros que teñen conseguido en Pontevedra. "Aquí en Suecia trabállase a mesma temática, pero estamos más atrasados con respecto ao que teñen conseguido en Pontevedra", afirmou, para engadir o interese xeral dos organizadores do congreso por ter a oportunidade de facer unha visita no futuro a Pontevedra porque "pensamos que pode ser un exemplo para aprender".

"É un lindo recoñecemento –do noso traballo– por vostedes que estean aquí, pero realmente obtiveron unha influencia no debate e nas mesas redondas que se dan nesta conferencia e na sociedade sueca neste momento, que está traballando moito co tema de como manexar a situación urbana, de poñer á xente , aos nenos, no centro e saír dunha planificación centrada nos automóbiles", finalizou o voceiro de Gröna Bilister.

Fotos


Novas relacionadas

Estocolmo

23 marzo 2018, mosquera, peonil, estocolmo