Noticias

A mesa de experiencias da xornada "Muller e liderado" recolle as dificultades ás que se enfrontan as mulleres no eido empresarial

Carmela Silva asegurou que "imos construír os bos tempos para o liderado feminino porque queiran ou non as mulleres imos ser líderes"


29 set 2016
Muller e liderado
muller e liderado

Durante toda a mañá de hoxe a Escola de Igualdade María Vinyals da Deputación de Pontevedra, situada no Castelo de Soutomaior, está a acoller a xornada "Muller e liderado. Ferramentas e estratexias para mellorar o teu liderado!". Tras a inauguración a cargo da presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, e a Deputada de Igualdade, Isaura Abelairas, tivo lugar a mesa de experiencias "Son bos tempos para o liderado feminino", na que interviron a directora xerente de Vinos & Bodegas Galegas, Myriam Vázquez, e a fundadora de Exquisitec.es, Sandra Amezaga e que contou coa presidenta da Asociación de Jóvenes Empresarios de Pontevedra, Lucía Pedroso, no papel de moderadora.

Tanto a moderadora como as dúas poñentes salientaron que nos seus sectores as mulleres seguen a ser unha minoría, nos eidos directivos e xerentes, e que moitas mulleres "non son conscientes de que hai que ser visibles, pensan que iso non ten nada que ver con elas. Ser visibles significa que outras mulleres poden ver que lles está a acontecer o mesmo que a ti, e iso é moi útil. No meu sector, o pesqueiro, ás mulleres nos custa saír e dar a cara porque a muller que é visible é penalizada", salientou Sandra Amezaga.

Myriam Vázquez tivo durante o seu relato un punto de vista máis positivo, ao asegurar que "eu valoro a miña experiencia como muller dun xeito moi positivo, aínda que coincido con que no meu sector as mulleres temos unha visibilidade practicamente nula". Vázquez salientou que das 70 denominacións de orixe de viños que existen en España, "soamente en dúas hai unha muller presidenta. E iso non significa que isto sexa un reflexo do sector, porque a metade das persoas que consumen viño son mulleres e deberiamos estar presentes na toma de decisións".

As poñentes tamén falaron sobre a existencia ou non dun xeito de liderar feminino, e mentres que Amezaga asegurou que "penso que non é así porque non se nos poden atribuír certas características simplemente polo feito de ser mulleres", Vázquez reivindicou que, "aínda que os clixés sexan horrorosos, que cando se fale de algo feminino non o asociemos como algo malo, senón simplemente diferente, porque no caso de que teñamos unha forma propia de facer as cousas isto sería algo bo, e non algo negativo".

Durante a mesa de experiencias tamén se falou doutras cuestións como a brecha salarial, ata o punto de que "eu traballei nunha multinacional na que isto viña imposto", afirmou Amezaga, "aínda que moita xente nova pensa que as enquisas se elaboran dun xeito tendencioso e que a diferenza nos salarios non é algo real", matizou Vázquez. "E iso está moi vencellado co feito de que a conciliación familiar a asuma practicamente sempre a muller: se unha das dúas persoas se ten que sacrificar, vai ser a que reciba un soldo menor", dixo a raíz dunha pregunta formulada pola moderadora, Lucía Pedroso. Precisamente Pedroso relatou como "se me chegou a cuestionar como nai porque o meu marido vai máis veces recoller ao noso fillo á escola ca min" e falou doutras dificultades que viviu na súa profesión polo feito de ser muller, como "chegar a algún concello ou que algunha persoa maior me preguntase quen eran meus pais porque non crían que unha muller nova puidese ter a súa propia empresa. Eu son empresaria dende os 22 anos", asegurou.

A desigualdade tamén se percibe, segundo as relatoras, na imaxe que unha muller proxecta no resto de persoas como líderes. "Cando unha muller é a cara visible e quere tomar responsabilidades van dicir que é unha mandona, mentres que se é un home ten moito carisma. Temos que deixar de ser tan condescendentes cos homes e tan duras con nós mesmas: debemos ser solidarias e axudarnos porque esa axuda é a que vai marcar a diferenza", reivindicou Vázquez.

"Teño amigas que se deixan a pel para ser perfectas como nais, como mulleres e como profesionais, e iso non é igualdade", asegurou Amezaga. "Seguen a haber moitas trabas dende moitas frontes: dende un pseudofeminismo que cre que todo está conseguido como o feito de que non hai pouco houbese un acto en Vigo no que todas as poñentes eran mulleres e só había un home entre o público, pero dende a Secretaría Xeral de Igualdade da Xunta publicaron unha fotografía só con homes", denunciou.

A moderadora, Lucía Pedroso, asegurou que "o sector empresarial cambiou moito porque hai uns anos, cando preguntabas de que sector procedían as mulleres directivas, case todas eran do eido téxtil e do benestar e agora hai moita máis variedade, polo cal sinto un grande orgullo". Amezaga asegurou que "alégrame ver este espazo cheo aínda que, iso si, cheo de mulleres, porque parece que aos homes aínda non lles interesa a Igualdade e queda moito por facer mentres iso aconteza". Pola súa banda, Vázquez salientou que "cando unha muller quere facer algo non hai quen a pare. Hai que dar un paso ao fronte e este é o noso momento".

Ao remate da exposición, a presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, entregoulles ás relatoras unha Menina de Sargadelos en agradecemento polas súas achegas e reflexións na mesa de experiencias. A Presidenta asegurou, sobre o título da mesa, que "é unha provocación sen dúbida, é moi complicado que a mulleres nos convertamos en líderes pero nós imos construír eses bos tempos porque, queiran ou non, as mulleres imos ser líderes".

"Muller e liderado" pretende crear un espazo de aprendizaxe e intercambio no que analizar o liderado feminino e dar resposta ás necesidades do mercado actual respecto ao autoliderado e ao liderado de equipos, a través de conferencias, exposicións e obradoiros cun fin divulgativo e formativo, ademais, contribuíndo ao empoderamento das mulleres e ao seu desenvolvemento persoal e profesional.