Noticias

A instalación de novas cunetas tendidas permite á veciñanza de Sisán (Ribadumia) transitar de xeito seguro polas beiras da estrada provincial

A Deputación investiu preto de 90.000 euros nunha obra cos parámetros do modelo de mobilidade segura da institución e que mellora tamén a recollida das augas pluviais


28 xullo 2021
Cunetas tendidas en Sisán

Unhas obras da Deputación valoradas en 88.357 euros permitiron a mellora da seguridade viaria e da recollida de augas pluviais na estrada provincial EP-9509 na parroquia de Sisán (Ribadumia). Os traballos, que hoxe recibiron a visita do deputado Gregorio Agís xunto ao alcalde, David Castro, optimizan o tránsito peonil ao paso polos lugares de Tabueiros e Sinsela ao tempo que acaban cos empozamentos nalgúns puntos da calzada.

As obras da estrada de Sisán, que seguiron os criterios do modelo de mobilidade segura, amable e sostible da Deputación de Pontevedra, permitiron redeseñar as dúas marxes da estrada provincial, actuando sobre 435 metros nunha das marxes e sobre 175 metros na outra. Coas novas cunetas tendidas resólvese o tratamento irregular e descontinuo nas beiras da estrada, onde había partes sen pavimentar e outras con beiravías. As cunetas tendidas, cun ancho mínimo de 1 metro e unha pendente moi escasa, permiten o tránsito peonil, funcionando como unha senda, ao tempo que reducen o risco de accidente en caso de saída parcial de vía por parte dos vehículos. Esta solución técnica, que se aplica nas estradas provinciais nas que é imposible ensanchar está a dar excelentes resultados. As obras incluíron tamén a colocación dun colector de recollida de augas pluviais baixo as novas cunetas, achegando así unha solución á acumulación de auga de choiva nos puntos máis baixos da calzada. A nova rede de recollida está composta por tubaxes de 400 e 315 milímetros e pozos de rexistro cada 25 metros.

A Deputación leva investidos máis de 4,5 millóns de euros en Ribadumia desde 2015, é dicir desde o cambio de Goberno na institución provincial. Neste período executáronse actuacións por valor de 800.000 euros no mantemento e mellora da rede provincial de estradas ao seu paso por este municipio. As obras afectaron ás estradas Coirón-Ribadumia-Leiro e Ribadumia Grenla, ás que agora se suma a estrada Muíños Novos-Tabueiros ao seu paso por Sisán.