Noticias

A Illa de Arousa logra un aforro enerxético de máis do 70% cunha achega do IDAE xestionada pola Deputación de Pontevedra

Os fondos europeos ascenderon a máis de 70.000 euros e con eles o concello mellorou a eficiencia enerxética en 17 vías mediante o emprego de luminarias LED


29 novembro 2021
Visita a Illa de Arousa

A Illa de Arousa veu renovada parte da súa iluminación exterior a través dunha achega do IDAE de 71.500 euros que foi xestionada pola Deputación de Pontevedra. Con estes fondos europeos o concello conseguiu un aforro enerxético do 71,5% en 17 vías do municipio. Entre elas atópase a rúa Marqués de Bradomín á que acudiron o deputado de Cooperación, Santos Héctor, o alcalde da Illa, Carlos Iglesias, e un nutrido grupo de representantes da corporación local, que visitaron as obras de renovación do alumeado público neste lugar.

O concello conta agora con 134 novas luminarias LED situadas en distintos puntos do municipio como as rúas Salga, Aldea, Cruceiro, Agro da Porta, Ramón Cabanillas ou a xa citada Marqués de Bradomín. O emprego desta tecnoloxía permite á Illa ofrecer un servizo máis respectuoso co medio ambiente que o empregado ata o memento. Ademais, estas luminarias contan cun sistema que reduce o seu fluxo nas horas de menor consumo, co que se consegue un aforro enerxético e unha redución da contaminación lumínica.

Con actuacións como esta a institución provincial continúa a actuar en liña en liña cos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible da Axenda 2030 -cuxo sétimo fito é garantir o acceso a unha enerxía accesible, segura, sostible e moderna- ao tempo fai unha labor de concienciación social a prol de reducir a pegada de carbono na provincia.

A Deputación xestionou estas axudas europeas para renovación de iluminación exterior diante do IDAE, que distribúe en España parte do programa operativo FEDER. Para elo acolleuse á convocatoria de subvencións para proxectos singulares de entidades locais que favorezan o paso a unha economía baixa en carbono. As axudas están encadradas dentro do Programa Operativo de Crecemento Sostible (POCS) para o período 2014-2020 elaborado pola Dirección Xeral de Fondos Comunitarios do Ministerio de Facenda e Función Pública do Goberno de España. Neste marco estanse a rematar nestas datas dous lotes de obras de mellora da eficiencia enerxética das iluminacións públicas das Neves, Silleda e Moaña.

Para a realización desta actuación, A Deputación de Pontevedra acolleuse ao Real Decreto 616/2017, de 16 de xuño (BOE nº 144 de  data  17 de xuño de 2017),  polo que se regula a concesión directa de subvencións a proxectos singulares de entidades locais que favorezan o paso a unha economía baixa en carbono no marco do Programa Operativo FEDER de crecemento sostible 2014-2020, modificado polo Real Decreto 1516/2018, de 28 de decembro (B.O.E. nº 314, de 29 de decembro de 2018), e Real Decreto 316/2019, de 26 de abril (B.O.E. nº 130, de 30 de abril de 2019)  e Real Decreto 1185/2020, de 29 de decembro (B.O.E. nº 340, de 30 de decembro de 2020).