Noticias

A igualdade e a música enchen a nova sede da Deputación en Vigo no acto de entrega dos IV Premios Sofía Novoa Ortiz

Carmela Silva amosou o seu orgullo polo "elevado nivel técnico dos traballos" e animou as persoas gañadoras "a que non paredes, a que sigades e continuedes dirixindo a vosa traxectoria cara á consecución da plena igualdade entre mulleres e homes"


05 febreiro 2020

A nova sede da Deputación de Pontevedra en Vigo encheuse esta tarde de sensibilidade, igualdade e música para acoller a entrega da cuarta edición dos Premios Sofía Novoa Ortiz que valoran aos mellores Traballos de Fin de Grao e Máster con perspectiva de xénero, presentados na Universidade de Vigo durante o curso 2018/2019. Ademais das persoas premiadas, ao evento asistiron a presidenta da Deputación, Carmela Silva, deputadas e deputados do Goberno provincial, autoridades académicas da Universidade de Vigo e o sobriño de Sofía Novoa, Juan Francisco Novoa Doce. O acto estivo conducido pola xornalista Edurne Baines e amenizado coa música da frautista Laura Lorenzo e pianista Yamini Teresa Prabhu, que interpretaron pezas de Fanny Mendelssohn, Béla Bartok, Manuel de Falla e Gabriel Fauré.

Premios Sofía Novoa

Carmela Silva amosou sentirse "moi orgullosa polo elevado nivel técnico dos traballos galardoados" e animou as persoas gañadoras "a que non paredes, a que continuedes dirixindo a vosa traxectoria cara á consecución da plena igualdade entre mulleres e homes". "Queremos apostar e apoiar todas aquelas iniciativas, entre as que se atopan as dos traballos universitarios de Fin de Grao e de Máster, que están a impulsar e a estender a igualdade real e efectiva e a perspectiva de xénero nos diferentes ámbitos da sociedade", asegurou Silva. "Consideramos fundamental que desde o coñecemento, a investigación e a análise rigorosa se incorporen os principios de igualdade".

Na entrega ás persoas premiadas este ano tiveron a oportunidade de explicar a súa motivación á hora de introducir a perspectiva de xénero nos seus Traballos de Fin de Grao e de Máster. Así, na modalidade de Traballos de Fin de Grao alzáronse cos premios de 1.000 euros Karen Giselle Engster Appezato, de Salceda, e Cristina Pérez Carmuega, de Pontevedra. Engster Appezato elaborou o traballo titulado Constitución española inclusiva. Estudio previo y propuesta de redacción, no que realizou unha análise das modificacións gramaticais e léxicos que implica a adaptación da Constitución Española a unha linguaxe inclusiva. Pola súa banda, Pérez Carmuega presentou Trabajar con perspectiva de género a través de la metodología por proyectos en la Educación Infantil, no que se ofrece unha proposta de deseño de dous proxectos con perspectiva de xénero para a educación infantil e a súa implantación nunha aula.

Na mesma modalidade tamén recibiu un premio de 600 € Antía Álvarez Martínez, de Vigo, por Menores transexuales en el ámbito educativo. O estudo afonda na transexualidade durante a infancia, concretamente na educación infantil, analizando a aceptación deste colectivo por parte da comunidade educativa.

En canto á modalidade de Traballos de Fin de Máster, alzáronse cos premios de 1.000 € Marta Molina Rivera, de Vigo, e Rut Guinarte Mencía, de Redondela. A primeira presentou Sensibilización e formación en igualdade de xénero do profesorado de formación profesional, tese na que se investiga o grao de sensibilización do profesorado de FP coa igualdade de xénero, así como o interese, coñecemento e implicación deste con respecto á formación e os recursos dispoñibles do colectivo docente. Pola súa banda, Guinarte Mencía elaborou o estudo Mediando a temática do traballo de coidados na aula de inglés: co-construíndo novas realidades igualitarias, no que se integra a perspectiva de xénero no ensino de inglés nas Escolas Oficiais de Idiomas a través do deseño e a implantación dunha sesión de 120 minutos que conxuga coidados e mediación.

Na modalidade de Traballos de Fin de Máster tamén recibiu un premio de 600 euros Fernando Miguel Otero Fernández, de Vigo, por A situación do alumnado trans no Ensino Secundario de Galicia. Neste traballo amósase a realidade do alumnado trans e se describen as actuacións que se poden levar a cabo desde o ámbito educativo para mellorar a súa calidade de vida.

No acto conducido por Edurne Baines, directora da Editorial Belagua, recordouse a traxectoria de Sofía Novoa, unha muller cunha grande cultura pero silenciada e esquecida pola historia. Novoa fíxolle grandes aportacións á sociedade desde a pedagoxía, empregou a música como vehículo para o ensino e loitou para que as mulleres ocupasen espazos públicos; mesmo traballou nun programa educativo que posibilitaba o acceso das mulleres á educación superior.

Fotos