Noticias

A igualdade de xénero protagonista do mural do alumnado do IES Indalecio Pérez Tizón de Tui dentro do programa da Deputación DepoRúarte 2019

Máis de 50 alumnas e alumnos de 4.º da ESO e 1.º de Bacharelato participarán mañá martes na presentación do mural que realizaron e que leva por nome Des-Igualdade


06 maio 2019
IES Indalecio Pérez Tizón de Tui

A igualdade de xénero é a temática escollida polo alumnado do IES Indalecio Pérez Tizón de Tui para participar no programa DepoRúarte 2019, impulsado por cuarto ano consecutivo pola Deputación de Pontevedra. Máis de 50 alumnas e alumnos de 4.º da ESO e 1.º de Bacharelato participarán este martes, ás 12 horas, na presentación dun mural realizado, baixo o nome Des-Igualdade, para facer fincapé na necesidade de romper con todas as desigualdades ás que nos enfrontamos día a día, especialmente na desigualdade de xénero.

DepoRúarte xira este ano arredor dos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible (ODS), ofrecéndolles ás mozas e mozos espazos de encontro e intercambio de experiencias, así como novas alternativas de actividades artísticas e lúdicas arredor das artes urbanas. Dentro dos ODS, o alumnado do IES Indalecio Pérez escolleu a temática da igualdade de xénero, sobre a que realizaron sesións para analizar comportamentos machistas e para estudar como se pode contribuír a lograr a igualdade real entre mulleres e homes.

Despois destas sesións no centro educativo, rapazas e rapaces do instituto tudense realizaron un mural-graffiti nun dos laterais do centro educativo. Xunto ao artista grafiteiro O Ras, debuxaron a nenos e nenas empurrando pola palabra "igualdade" e deixando fóra a desigualdade. O mural complétase cun fondo negro xigante coas letras en branco "contra a violencia". Mañá martes, ás 12 horas, presentarán o traballo realizado, nun acto no que tamén estará profesorado do centro, o artista O Ras e a deputada provincial de Cohesión Social e Xuventude, Digna Rivas.

Tras o seu paso polo CPI do Toural (Vilaboa) e polo IES Indalecio Pérez, DepoRúarte 2019 desenvolverase en outros tres centros da provincia entre finais deste curso e o primeiro trimestre do próximo curso. Trátase dos IES de Chapela (Redondela), Antón Losada Diéguez (A Estrada) e Monte da Vila (O Grove).

A través de DepoRúarte 2019, desde a Deputación preténdese implicar este ano á mocidade na adopción de medidas que contribúan a dar cumprimento aos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible, especialmente na loita contra o cambio climático e as desigualdades. O obxectivo é seguir apostando pola arte urbana, pero poñendo en valor a importancia dos ODS. As temáticas que este ano tratan os centros son, entre outras, o consumo responsable, a acción climática, a igualdade, a paz, a fame cero ou a fin da pobreza.