Noticias

A Guarda recibe preto de 30.000 € do "Plan Concellos 2017" para o acondicionamento da rotonda de San Roque

A institución provincial leva entregado o 70,47% do total destinado á Guarda dentro do Plan, cun investimento situado en máis de 500.000 €


19 xullo 2017
plan concellos

A Deputación de Pontevedra vén de aprobar, a través dunha resolución da Presidenta, Carmela Silva, unha nova achega ao concello da Guarda no marco do "Plan Concellos 2017", dentro da súa liña 1 de investimentos. Nesta ocasión, a institución provincial achegará a cantidade de 28.981,11 € para proceder ao acondicionamento da rotonda de San Roque.

Ao abeiro do "Plan Concellos 2017", anteriormente a institución provincial xa destinara á Guarda 262.490,29 € para a realización dun plan de accesibilidade, a adquisición de equipos informáticos, a adquisición dun deshumidificador industrial, a reparación da cuberta do pavillón municipal, a urbanización das rúas Cal e Subida a San Amaro e para a substitución das luminarias coas que está dotada actualmente a rúa Concepción Arenal. Ademais, outros 84.017,69 € en liña 2 para o pagamento de gastos correntes e a realización de diversas actividades como o Entroido, a Gala do Deporte, a feira do libro, o Campus de Verán Deportivo ou o programa "Noites de Castelao", entre moitas outras. Finalmente, 163.609,06 € cos que A Guarda puido contratar a 17 persoas que desenvolveron as súas profesións nos distintos servizos municipais da vila.

Coa suma desta nova achega, A Guarda xa ten recibido da Deputación de Pontevedra o 70,47% do total do investimento que lle corresponde dentro do "Plan Concellos 2017", isto é, 539.098,15 euros dun total de 765.000 €.