Noticias

A Guarda recibe 36.000 € do Plan Concellos para a ampliación do parque infantil da alameda

Ata o de agora xa se adxudicou o 92% do Plan Concellos na vila, o que supón un investimento total de 654.885 €


05 set 2016

A Deputación de Pontevedra, mediante resolución presidencial, vén de aprobar unha nova achega de 36.475,83 € para o concello da Guarda con destino ao financiamento da ampliación do parque infantil da Alameda. Trátase dunha contía incluída na liña 1, de investimentos, do Plan Concellos 2016.

Esta partida xa vén sumarse a outras aprobadas para A Guarda dentro da liña 1, por un importe total de 324.736,78 €. Foron investimentos para a realización de melloras no pavillón das Solanas, a reparación do campo de fútbol municipal, a adquisición de elementos audiovisuais para o Castelo de Santa Cruz, de mobiliario para a Casa dos Alonso máis outro mobiliario urbano e a dunha varredora e, por último, a realización dunha serie de melloras no parque de San Lorenzo. Na liña 2 tamén se aprobaron 106.945,39 € para gastos correntes novos e pagamento a acredores. Por outra banda, ao abeiro da liña 4, dedicada á promoción de emprego, o Plan Concellos achegou 160.037,50 € para a contratación de 24 traballadores e traballadoras municipais. Na liña 3 achegáronse 26.689,5 para actividades culturais, deportivas, sociais, turísticas e medioambientais.

No que levamos de 2016, o Plan Concellos leva concedido nun 92% do total destinado para A Guarda, cun investimento total ata o momento situado nos 654.885 euros.