Noticias

A forte demanda de apoio tecnolóxico das empresas dispara a actividade de "SmartPeme" en Barro, que xa superou no que vai de ano as cifras récord de 2020

Ana Mejías, deputada de Novas Tecnoloxías: "A pandemia mudou a cultura organizacional das empresas e Barro responde a esa demanda de know-how, de coñecemento"


20 maio 2021
SmartPeme Barro

A oficina de "SmartPeme" en Barro leva dous anos de intensa actividade. Despois de ter superado todos os rexistros en 2020, o servizo de acompañamento tecnolóxico empresarial da Deputación, arrancou 2021 excedendo xa as cifras do ano pasado. A deputada de Novas Tecnoloxías, Ana Mejías, visitou hoxe as instalacións e destacou que o crecemento constante tanto na asistencia aos obradoiros como ás sesións de asesoramento individual provocou que este punto "SmartPeme", o máis especializado da rede, alcanzou unha carteira de 147 pemes, procedentes toda a provincia.

Ana Mejías destacou que a pandemia supuxo un cambio profundo na cultura organizacional das pequenas e medianas empresas, entre as que unha gran maioría están sustentadas por persoas autónomas que ata o de agora non tiñan apostado sistematicamente polas tecnoloxías da información e a comunicación (TIC) na súa actividade. "`SmartPeme´ responde a esa demanda de know-how, de coñecemento ao servizo do crecemento dos proxectos empresariais, tanto os novos como os que xa están en marcha".

A deputada explicou que o punto "SmartPeme" de Barro, un dos sete que compoñen a rede da Deputación, é singular por varios motivos, tanto por compartir espazo cun dos dous viveiros de empresas da Deputación, como por ser tamén sede do Centro Provincial de Economía Dixital (CPED), que dirixe a formación máis punteira en novas tecnoloxías. Ademais, entrou en funcionamento en 2018, dous anos máis tarde que o resto de oficinas, precisamente para dar resposta á necesidade dunha formación altamente especializada. Así en Barro, máis alá dos habituais cursos sobre plataformas e redes sociais atópanse respostas prácticas a cuestións como a ciberseguridade, as VPN, impresión en 3D, a tecnoloxía "blockchain", os servizos na nube ou a organización de eventos en liña.

Ao igual que no resto de oficinas, a pandemia multiplicou a asistencia aos obradoiros de formación. Durante o ano 2020, Barro rexistrou a asistencia de 527 persoas (un 65 % máis) aos 40 obradoiros realizados. O ano 2021 botou andar xa con 371 persoas participantes a data de hoxe, o que anticipa un forte incremento no balanzo anual. En canto ás consultarías individualizadas, Barro realizou un total de 67 durante o ano 2020 (26 % máis que o ano anterior). Reforzando esta tendencia, o 2021 arrancou con forza, pois son xa 75 (un 12 % máis que en todo o exercicio anterior) os asesoramentos realizados sen ter chegado aínda á metade do ano.

O número de pemes que están en carteira no punto "SmartPeme" de Barro non para de medrar dende que este servizo púxose en marcha no ano 2018. Dende a posta en marcha desta oficina, un total de 147 empresas utilizaron os seus servizos para explorar todas as potencialidades das TIC. Os datos acumulados indican que puxo en marcha un total de 136 obradoiros formativos, que contaron con 1.346 asistentes, e atendeu 223 consultarías individualizadas.

O tecido produtivo que utiliza os servizos que "SmartPeme" ofrece desde Barro está formado ao 38 % polo subsector da industria manufactureira, un 15,4 % do subsector de Información e Comunicacións e un 7,7 % procede do subsector de actividades profesionais, científicas e técnicas e a mesma porcentaxe da agricultura, gandería, silvicultura e pesca. Un perfil moi distinto ao do resto de oficinas.

A rede "SmartPeme" naceu en 2016 como resposta da Deputación á necesidade de prestar apoio tecnolóxico para a mellora da competitividade empresarial na provincia e está dirixido moi especialmente as empresas pequenas e ao colectivo de persoas autónomas. Dispón de oficinas en Pontevedra, Vigo, Barro, Lalín, Cambados, O Porriño e Ponteareas. Un total de 6.363 empresas gozan deste servizo na provincia. A carteira de servizos ofertados desde "SmartPeme" ten que ver non só co asesoramento e crecemento empresarial apoiado nas TIC, senón tamén co apoio especializado ás empresas do subsector turístico e do subsector do comercio. O pasado ano botou tamén a andar unha liña específica de asesoramento tecnolóxico para entidades do Terceiro Sector, é dicir ONG e asociacións/fundacións relacionadas co benestar social.