Noticias

A "Facultade da compostaxe" da Deputación de Pontevedra serve de exemplo para Cataluña, Navarra, Italia e Austria

A presidenta, Carmela Silva, destaca que o Plan Compost é un dos "proxectos máis relevantes dos que estamos poñendo en marcha" na institución provincial


01 feb 2016
Eva Vilaverde, Carmela Silva, César Mosquera, Carlos Pérez, José Ramón Couto, Manuel Hermo
Eva Vilaverde, Carmela Silva, César Mosquera, Carlos Pérez, José Ramón Couto, Manuel Hermo

A "Facultade da compostaxe" da Deputación de Pontevedra botou hoxe a andar. Trátase do primeiro curso de formación en materia de residuos centrado na compostaxe que se leva adiante por parte dunha institución e, de feito, segundo explicou onte o vicepresidente, Mosquera, xa está creando expectativas noutras localidades do Estado e do estranxeiro. "Estannos pedindo de Cataluña, Navarra, Italia, Austria... que lles informemos de como vai para poder replicalo. Estamos ante unha iniciativa pioneira que vai saír creo que moi ben", subliñou o vicepresidente.

Esta novidade sobre o curso, que está pendente de homologación, foi anunciada polo vicepresidente no acto oficial de benvida, que se desenvolveu hoxe pola mañá nas instalacións de Príncipe Felipe coa presenza da presidenta da Deputación, Carmela Silva; a deputada responsable do centro, Eva Vilaverde; o director da cidade infantil, José Ramón Couto; o director do CIFP Carlos Oroza, Manuel Hermo; así como o asesor provincial de residuos e director do curso, Carlos Pérez.

A presidenta da Deputación, Carmela Silva, sinalou ante os alumnos que o plan de compostaxe que César Mosquera lles está ofrecendo aos concellos da provincia "é un dos proxectos máis relevantes dos que estamos a poñer en marcha na Deputación". Subliñou que as administracións teñen que ser "responsables e creativas para dar resposta á sociedade dende o respecto ao medio ambiente, atopando fórmulas distintas para o tratamento dos residuos. De aí nace a proposta do Plan Compost, que é unha moi boa iniciativa, e estou segura de que noutros ámbitos da Administración local e doutras deputacións xa están mirando para ela".

"Cualificación extraordinaria"

A "Facultade da compostaxe" formará os 20 aspirantes que superaron o exame e a entrevista persoal realizados a finais de 2015 para converterse en bolseiros da Deputación de Pontevedra como mestras e mestres composteiros. Encargaranse do mantemento das instalacións comunitarias, que se espallarán polos concellos da provincia dentro do Plan Compost Revitaliza, e participarán nas plantas comarcais de compostaxe que xurdan. Está garantida a incorporación dos dez alumnos que acaden as mellores notas durante o curso, que finalizará o 11 de marzo, pero prevese que os dez restantes se incorporen tamén ao proxecto paulatinamente cando se vaian instalando máis composteiros da Deputación pola provincia.  "A nosa ilusión sería que este curso vos servise para ter un futuro laboral brillante. Estamos nun campo no que hai moito por facer; vós tendes unha preparación moi boa, teredes uns profesores tamén moi bos. Ides saír cunha cualificación extraordinaria e agardemos que vos sirva a todos para ter un futuro laboral que vos daría unhas expectativas a vós, pero tamén á sociedade, para poder camiñar na dirección que é obrigatoria e desexable de recuperar todos os residuos que se poida", explicou o vicepresidente, Mosquera, que engadiu que "estamos moi contentos porque formades parte dun proxecto pioneiro, ilusionante, e imos facer todos os esforzos que poidamos, e creo que temos moi boa base con vós para levalo adiante con éxito".

Os alumnos seguirán seis módulos didácticos: Residuos e medio ambiente, Lexislación e normativa ambiental e de residuos, A compostaxe: ciencia e tecnoloxía, Compostaxe práctica: pequena e mediana escala e As recollidas selectivas como elementos clave. Entre o profesorado haberá expertos tanto nacionais coma internacionais na materia das tres universidades galegas, representantes de Adega e Amigos da Terra; representantes da Unión Europea, do Ministerio de Agricultura e Medio Ambiente, da Generalitat de Catalunya e da Xunta de Galicia; así como técnicos navarros, vascos, austríacos, alemáns e cataláns que falarán da experiencia da compostaxe nos seus territorios. Tamén estarán presentes técnicos da Illa de Arousa e de Piñor (Ourense), onde xa se está a aplicar a compostaxe.

Na parte práctica da formación os alumnos traballarán os refugallos das cociñas e dos comedores de todos os centros de Príncipe Felipe e do Centro Integrado de Formación Profesional de Hostalería Carlos Oroza, dependente da Xunta de Galicia. O lixo orgánico xerado neses dous centros, que poderá chegar aos 150 quilogramos ao día, será tratado en dous composteiros de diferentes características (un estático e outro dinámico) para que os alumnos poidan coñecer as diferentes formas de facer o compost. O obxectivo é que todos os residuos orgánicos xerados en Príncipe Felipe sexan tratados e aproveitados dentro das mesmas instalacións, xerando unha illa "ausente de residuos".

Composteiros comunitarios nos concellos

Por outra banda, ás doce da noite de hoxe finalizará o prazo para que os concellos da provincia presenten as súas propostas para a instalación dos centros de compostaxe comunitaria (CCC) subministrados pola Deputación de Pontevedra. Ademais dos presentados no Rexistro da institución provincial tamén poderán chegar por correo ordinario, así como mediante o portelo único, polo que o número de proxectos non se coñecerá definitivamente ata finais de semana.