Noticias

A ‘Facultade Ágora' chega á súa terceira sesión para falar de ‘espazos amables, seguros e inclusivos'

Participarán o xeógrafo da UAB Pau Avellaneda, a arquitecta Izaskun Chinchilla e o arquitecto Mateus Porto, ademais da técnica provincial Andrea Otero


05 maio 2021
facultade Agora

A ‘Facultade Ágora' realiza este venres a súa terceira xornada coa visita de novas figuras de gran renome no estudo do espazo público que exercerán de ‘profesorado' das e dos responsables políticos e técnicos dos concellos da provincia. Neste caso participarán o xeógrafo Pau Avellaneda, a arquitecta Izaskun Chinchilla e o arquitecto Mateus Porto, ademais da técnica provincial Andrea Otero, que falarán de como crear "espazos amables, seguros e inclusivos', tal e como indica o título do seminario, desde unha perspectiva social e tamén feminista.

Concibida como unha ferramenta de formación sobre o espazo público dirixida a persoas representantes da política e persoal técnico da provincia para tratar con calidade o espazo público recuperándoo para as persoas. Están inscritas máis de 210 persoas con poder de decisión político e técnico dos municipios e arredor de medio cento de persoas do resto do Estado español atraídas pola calidade da oferta formativa e do cadro docente.

Pau Avellaneda García é doutor en Xeografía pola Universidade Autónoma de Barcelona (UAB), está especializado en aspectos de mobilidade sostible e segura. É profesor de Xeografía da UAB, onde imparte Teoría sobre Ordenación do Territorio, Mobilidade e Transporte. Investiga no marco do Grupo de Investigación de Xeografía Económica e do Instituto de Estudos Rexionais e Metropolitanos de Barcelona.

Izaskun Chinchilla estudou Arquitectura na Escola Técnica Superior de Arquitectura da Universidade Politécnica de Madrid. Graduouse en 2001 e obtivo o premio ao mellor expediente académico da súa promoción e cunha matrícula de honra polo seu proxecto de fin de carreira. Desde entón dirixe o seu propio estudio de arquitectura, con sede en Madrid. As súas investigacións abordan aspectos coma a ecoloxía¿, a socioloxía e os modos de vida contemporáneos, que aplica á súa práctica profesional e académica. É autora do libro A cidade dos coidados.

Mateus Porto é arquitecto e urbanista pola Universidade de Brasília (2003) e cun diploma en Estudos Avanzados no doutorado Periferias, Sustentabilidade e Vitalidade Urbana da Universidade Politécnica de Madrid (2009). Desenvolve traballos de consultaría e plan urbano relacionado coa mobilidade, especialmente dos medios non motorizados. Colaborou na redacción de diversos plans de mobilidade urbana sostible (PMUS). É coautor dos libros Nuevas formas de acondicionamento litoral (2009) e La ciudad paseable (2010). Desde 2008 é profesor no Departamento de Urbanística e Historia da Arquitectura da Escola Superior de Arte e Arquitectura da Universidade Europea de Madrid.

Na xornada deste venres traballarase sobre como definir as condicións que debe reunir un espazo amable, seguro e inclusivo, contrapoñendo as cidades que coidan fronte ás cidades que expulsan. Repasaranse os aspectos técnicos dun espazo público pensado para as persoas: plataformas únicas, beirarrúas, pasos elevados, iluminación, anchura de carrís, materiais, vexetación…