Noticias

A exposición "Arte e Solidariedade. 25 Aniversario Proxecto Home Galicia" pecha o seu periplo no Museo de Pontevedra

Participan máis de 65 artistas co obxecto de recadar fondos para esta organización e concienciar sobre a súa función social


18 feb 2016
Carlos Valle, Ana Barreiro, Xosé Leal, Ramón Gómez, Antón Sobral.
Carlos Valle, Ana Barreiro, Xosé Leal, Ramón Gómez, Antón Sobral.

"Esta mostra é un referente de como os artistas se involucran na sociedade e contribúen dándonos o seu punto de vista, e as institucións tamén temos a obriga de refrendar esta actitude solidaria", apuntou o deputado de Cultura e Lingua, Xosé Leal, na presentación da exposición "Arte e Solidariedade. 25 Aniversario Proxecto Home Galicia", que esta tarde se inaugura no Sexto Edificio do Museo. Este proxecto expositivo, ademais de amosar o apoio dos e das artistas participantes aos proxectos desta organización, busca recadar fondos para que poidan seguir desenvolvendo programas sociais. Para iso expón obras de diferentes formatos, estilos e prezos, que van desde os 100 ata os 5.000 euros.

Durante o pasado ano a exposición xa estivo en seis cidades galegas (Santiago de Compostela, A Coruña, Ferrol, Vigo, Lugo e Ourense) e agora remata o seu periplo no Museo de Pontevedra, onde permanecerá aberta ao público ata o 6 de marzo. Na presentación da mostra aos medios acompañaron ao deputado de Cultura o director do Museo, Carlos Valle, o comisario xeral da mostra, Antón Sobral, unha das comisarias de Pontevedra, Ana Barreiro, e o director de Proxecto Home Galicia, Ramón Gómez.

O comisario xeral, Antón Sobral, explicou que na mostra en Pontevedra participan 67 artistas, pero que no conxunto das sete exposicións se chegaron a contabilizar un total de 235. Fixo constar, ademais, que todos e todas as artistas ás que lles requiriu a participación aceptaron de bo grado e que incluso recibiu numerosas peticións para participar que tiveron que quedar fóra. Agradeceu encarecidamente a participación e implicación de todas as persoas participantes e sinalou que nas anteriores mostras xa se foron vendendo obras de artistas coñecidos coma Menchu Lamas, Quintana Martelo, Serxio Portela ou Antón Pulido. En cada cidade contou ademais co apoio dun grupo local de comisarios e comisarias que, no caso de Pontevedra, son as integrantes de Taller Abierto, composto por África Martínez, Ana Barreiro e Marta Guirado, que son as encargadas de darlles máis preponderancia aos artistas locais en cada caso.

O director de Proxecto Home Galicia, Ramón Gómez, aproveitou a súa intervención para explicar a necesidade de dar a coñecer o labor da súa organización, baseado "nun proxecto implicativo no que as adiccións non se abordan individualmente, como un problema da persoa, senón que se lles trata de dar solución no conxunto da sociedade". Ramón Gómez asegurou que esta exposición é unha forma "de abrir camiños construtivos, de oportunidades, que vaian tecendo unha sociedade máis solidaria, máis culta e con oportunidades de reflexionar". Pola súa banda, o director do Museo, Carlos Valle, salientou o compromiso da institución museística para coas causas solidarias e lembrou que esta é a segunda mostra destas características que acolle o Sexto Edificio. Sinalou que a primeira se realizara con motivo do terremoto de Haití, cando o Sexto Edificio estaba apenas botando a andar e non tiña nin instalada a colección permanente. Tanto o director do Museo coma o deputado de Cultura e Lingua animaron os promotores deste tipo de iniciativas a seguir traballando nesta dirección e aseguraron que seguirían contando co apoio da Deputación de Pontevedra.


Novas relacionadas

Fondo galego de cooperación

17 marzo 2017, orzamento, cooperación internacional, fondo galego de cooperación e solidariedade