Noticias

A exposición ‘O liño, da terra ao armario' amosa na Casa da Luz a tradición téxtil galega

Organizada pola Asociación Sete Espadelas, en colaboración co Concello de Pontevedra e a Deputación, fai un percorrido por todo o proceso de cultivo, tratamento e tecido do liño


26 xullo 2017
Sete espadelas co liño

Desde hoxe e ata o 6 de agosto, a Casa da Luz acolle a exposición ‘O liño, da terra ao armario", organizada pola Asociación Etnográfica Sete Espadelas en colaboración co Concello de Pontevedra e coa Área de Cultura da Deputación. A mostra fai un percorrido, pormenorizado e moi visual, sobre todo o proceso que o liño debe seguir desde que é sementado ata que se transforma en tecidos e pezas de roupa. Na presentación da exposición estiveron esta mañá a concelleira de Turismo e Promoción Económica, Anabel Gulías, o deputado provincial de Cultura e Lingua, Xosé Leal, e o presidente e o tesoureiro de Sete Espadelas, David Quiñones e José Luis Rodríguez, coincidindo todos en salientar a importancia de poñer en valor e recuperar unha tradición téxtil de gran relevancia na Galiza dos séculos XVIII e XIX e que deixou de ter importancia coa introdución dos tecidos industriais.

A concelleira de Turismo afirmou que "esta mostra permítenos coñecer o noso patrimonio material pero tamén o inmaterial, por todo o que supón de amosar un xeito de vida da Galiza como foi o cultivo do liño e os tecidos tradicionais".  Unha idea na que tamén incidiu o deputado provincial, que ademais de agradecer a Sete Espadelas a recuperación do patrimonio tamén lle agradeceu o traballo para "facelo visible, en exposicións coma esta que nos vai permitir coñecer todos estes procesos artesanais". Xosé Leal amosou a súa satisfacción porque a mostra se expoña na Casa da Luz, lugar que cualificou como "un espazo moi significativo, e que permitirá amosar este traballo non só aos de aquí, senón tamén a todas as persoas que nos visitan".

Pola súa banda, David Quiñones e José Luis Rodríguez explicaron que "este proxecto nace coa idea de recuperar o proceso do liño, desde a sementeira ata o tear, como este que temos aquí que conseguimos en Lugo e que reconstruímos nós, repoñendo as pezas que lle faltaban". O presidente e o tesoureiro de Sete Espadelas lembraron que Galiza fora "unha potencia" que exportaba liño de gran calidade no século XVIII e do que aínda quedan vestixios escritos en textos da época que falaban do "fino lenzo galego". Destacaron ademais "toda a labor de investigación que hai detrás de todo isto e todo o traballo de recuperación de aparellos antigos".

A mostra consta de 7 vitrinas con diferentes utensilios para traballar o liño, como fusos, rocas, mazas ou restrelas,  e con tecidos xa terminados, como sabas antigas, toallas, chales, manteis ou camisas tradicionais. Inclúe tres maniguíes con pezas de roupa confeccionadas en liño, 5 cobertores realizados con diferentes técnicas, un tear, e unha selección de aparellos como un sarillo, un ripo, ou espadelas. En dous grandes paneis explicativos poden seguirse todos os procesos do liño e as tarefas artesás que leva asociadas.

A mostra inclúe como actividade complementaria unha conferencia que, baixo o título "O liño e o seu papel na indumentaria tradicional', terá lugar o sábado 5 de agosto ás 19h na Casa da Luz.