Noticias

A exposición "Sorrisos transformadores" estará no mercado municipal de Tomiño ata o 22 de abril

A mostra impulsada pola Deputación de Pontevedra e ARELAS ten como obxectivo concienciar sobre as diferentes identidades sexuais e a non discriminación


07 abril 2019
Sorrisos Transformadores

A deputada de Igualdade, Isaura Abelairas, participará este mércores ás 11:30 horas nunha visita guiada pola exposición "Sorrisos transformadores" no mercado municipal de Tomiño que acollerá a mostra da Deputación de Pontevedra, en colaboración coa Asociación de Familias de Persoas Trans* ARELAS, ata o vindeiro 22 de abril. A mostra, unha iniciativa artística para a darlle visibilidade ao colectivo LGTBI, estará aberta ao público ata o vindeiro día 22, e pode visitarse os martes e domingos de 9 a 14 h e de 17 a 20 horas.

"Sorrisos transformadores" é unha exposición fotográfica que ten por obxectivo a reflexión, por parte da cidadanía, sobre a realidade do colectivo trans e a prevención de actitudes discriminatorias, e pretende sensibilizar sobre a realidade destas persoas co fin de promover a igualdade de oportunidades e o respecto á diversidade. Trátase dunha mostra itinerante que está percorrendo distintos concellos da provincia de Pontevedra e tamén algún outro emprazamento fóra da provincia, coma Betanzos ou a Universidade de Santiago de Compostela. A exposición consta de dez fotografías de Noemí Chantada que amosan dez realidades de persoas trans e doutras persoas que non o son, pero que pola súa profesión están moi vinculadas coa súa realidade. Todas as imaxes reflicten persoas alegres, orgullosas, positivas, que amosan unha parcela da súa vida que lles gusta. Ademais, cada fotografía está acompañada por un texto que reflicte unha frase ou unha idea sobre a persoa protagonista ou sobre a súa contorna.

A finalidade de "Sorrisos transformadores" é dobre. Por unha banda, prever actitudes e comportamentos discriminatorios por orientación sexual ou identidade de xénero, e por outra, combater o acoso escolar por estes dous motivos, favorecendo a visibilidade do alumnado LGTBI e a plena normalidade das orientacións sexuais e identidades de xénero.