Noticias

A exposición sobre maquetas de barcos do Ano do Patrimonio remata a súa andaina en O Grove

Está composta por 18 maquetas que reproducen embarcacións tradicionais galegas e poderá visitarse ata o 3 de novembro na Sala de Cunchas do Concello


19 outubro 2017
Fasquías

"Fasquías. Embarcacións tradicionais a escala" xa pode verse na Sala de Cunchas da Casa do Concello de O Grove ata o vindeiro 3 de novembro. Esta exposición, composta por 18 maquetas de barcos, de diversos tamaños e que corresponden a diferentes tipoloxías, e 13 paneis explicativos, forma parte da programación de actividades do Ano do Patrimonio da Deputación de Pontevedra. Foi inaugurada esta tarde pola deputada provincial Eva Vilaverde, polo alcalde da localidade, José Cacabelos, pola concelleira de Cultura, Emma Torres, o polo membro da xunta directiva de Culturmar, Víctor Fernández.

A deputada nacionalista explicou que "no Ano do Patrimonio organizamos esta mostra para poñer en valor a nosa tradición marítima, para preservar este tesouro que temos no litoral da provincia, que aquí podemos ver en maquetas para dar a coñecer en terra todo este universo ligado á cultura e á economía de boa parte do noso país". Ademais das maquetas, a exposición complementase cunha pequena guía explicativa, que en palabras de Eva Vilaverde "contribúe a difundir as características das nosas embarcacións entre todo tipo de públicos, de todas as idades e de todos os segmentos". Trátase dunha pequena publicación que leva por título ‘Que embarcación é? Guía de embarcacións tradicionais de Galicia' editada pola Deputación, en colaboración con Culturmar e A Citania. A guía recolle unha vintena de embarcacións tradicionais tanto de río como de mar e que son as máis comúns nas exposicións e nos encontros deste tipo. Inclúe ademais un glosario mínimo sobre as diferentes partes das embarcacións, os tipos de velas, e a tradición dos carpinteiros e das carpinterías de ribeira.

O acto de apertura da mostra incluíu unha actividade de narración oral e música a cargo de Xurxo Souto. O escritor e músico fixo un percorrido polas vivencias dos mariñeiros galegos embarcados en rutas internacionais e que recolle de primeira man no libro "Contos do mar de Irlanda". Xurxo Souto complementa esta exposición cunha escolma de anécdotas, narradas de xeito desenfadado e humorístico, e coas que dá conta das condicións de vida e das relacións de compañeirismo dos mariñeiros galegos en alta mar. O idioma, a cultura gastronómica, o humor como arma de supervivencia, a morriña e, por suposto, a música tradicional son os piares nos que se centra este espectáculo.

Como material complementario e a modo de consulta, tamén se expón o libro de fotografías de Xurxo Lobato ‘Vento nas velas', que recolle, en imaxes a cor e de alta calidade, aspectos da cultura marítima tales como a carpintería de ribeira, a velería, a tipoloxía de embarcacións, os muíños de maré, a fisonomía das poboacións costeiras, os deportes marítimos, e as feiras, festas e romarías para celebrar o mar. A publicación conta ademais con textos, en galego, español e inglés, de Avelino Ochoa, presidente de AGABACHE; José Ramón Soraluce Blond, catedrático de Composición Arquitectónica da UDC; Felipe-Senén López Gómez, arqueólogo, museólogo e académico da Real Academia Galega de Belas Artes; e Lino Prieto, encargado da parte relativa á tipoloxía de embarcacións.

"Fasquías. Embarcacións tradicionais a escala" comezara a súa itinerancia no mes de xuño en Combarro, no marco do Encontro de Embarcacións Tradicionais, para posteriormente pasar por Cambados, Bueu, A Illa de Arousa, e Vigo.


Novas relacionadas

Fasquias

04 outubro 2017, embarcacions tradicionais a escala, embarcacións tradicionais, fasquias, marítumo galego