Noticias

A exposición sobre Castelao e o cómic inicia o seu itinerario no Porriño

"De Castelao ao mañá: unha ollada ao cómic galego" amosará obras de autores actuais coma Kiko da Silva, José Domingo, Miguelanxo Prado, Mar Abad ou David Rubín


31 mar 2016

"Con esta exposición queremos dar a coñecer unha das facetas artísticas máis descoñecidas de Castelao e vinculala cos autores e autoras actuais que, hoxe en día, desempeñan esta disciplina con grande éxito no noso país", sinalou o deputado provincial de Cultura e Lingua, Xosé Leal, durante a inauguración da mostra "De Castelao ao mañá: unha ollada ao cómic galego". Esta é unha das exposicións que se inclúen no programa de actividades culturais que a Deputación leva aos concellos da provincia dentro do Ano Castelao e que inicia o seu percorrido no centro cultural municipal do Porriño.

Na inauguración da mostra, acompañando a Xosé Leal, estivo a rexedora do Porriño, Eva García de la Torre, a presidenta da Organización de Xordos de Galicia, M.ª Jesús Monterde García, e o comisario da mostra, Octavio Beares, que foi o encargado de dirixir a visita guiada á exposición. Pola súa banda, M.ª Jesús Monterde explicou a colaboración entre a organización que representa, XOGA, e o departamento provincial de Cultura e Lingua para facer efectiva a integración e a accesibilidade das persoas con dificultades auditivas á cultura, a través do uso de audioguías e signoguías nesta exposición.

"De Castelao ao mañá: unha ollada ao cómic galego" atende á produción de Castelao nos primeiros anos da súa traxectoria, que fixo a súa achega nun campo que, hoxe máis que nunca, recibe a mirada do mundo da arte como unha forma máis de expresión e que, ademais, conta cunha importante representatividade de autores e autoras galegas que están traballando neste eido con moito éxito e calidade. A mostra, comisariada polo coñecido crítico de cómic Octavio Beares, establece un percorrido polas obras de debuxantes galegos, comezando polo propio Castelao, quen, a través do debuxo, amosou sempre o seu compromiso coa arte e a lingua galega, como se pode apreciar nas reproducións das tiras e debuxos publicados en Vida Gallega e o diario Galicia, ata os autores máis actuais, como son Kiko da Silva, José Domingo, Miguelanxo Prado, Mar Abad ou David Rubín. Unha selección na que se intentou incluír os autores e as autoras galegas que son referencia no eido do cómic ata o día de hoxe, tomando a Castelao como referente.

Para facer a visita á exposición máis completa e accesible, pódese facer uso dunha audioguía e signoguía, á que se pode acceder facilmente mediante o QR que aparece na sala e nos carteis. Ademais de explicacións orais e escritas incorpórase tamén a lingua de signos, cumprindo así coa obriga de facer accesibles os contidos culturais para todas e todos. Ademais, para concienciar a toda a poboación da necesidade de promover actitudes inclusivas e integradoras para o conxunto da sociedade, a Deputación acaba de poñer en marcha unha campaña nas redes sociais para difundir o signo co que se nomea Castelao en lingua de signos. Para favorecer este tipo de actitudes todas as persoas que queiran colaborar coa campaña poden subir unha foto "signando"' Castelao no Twitter coa etiqueta #signaCastelao e facendo mención á conta da Deputación @depo_es. O signo consiste en colocar os dedos índice e polgar realizando un círculo sobre un dos ollos, en referencia ás lentes redondas que portaba o propio Castelao. Cada persoa debe realizar o signo cunha soa man, recomendándose que se realice coa man que se usa para escribir (as persoas destras coa dereita e as zurdas coa esquerda).

"De Castelao ao mañá: unha ollada ao cómic galego" poderá visitarse no centro cultural municipal ata o vindeiro 21 de abril, de luns a venres, de 9:00 a 21:00 h. Ao longo do ano, da man da Deputación, percorrerá, ademais, os concellos das Neves, Cangas e Vilagarcía de Arousa.


Novas relacionadas