Noticias

A exposición sobre Castelao e o cómic chega a Vilagarcía

'De Castelao ao mañá: unha ollada ao cómic galego' amosa obras de autores actuais como Kiko da Silva, José Domingo, Miguelanxo Prado, Mar Abad ou David Rubín


08 set 2016

'De Castelao ao mañá: unha ollada ao cómic galego', exposición enmarcada na programación do Ano Castelao da Deputación de Pontevedra, xa pode visitarse na Sala de Exposicións do Auditorio de Vilagarcía. No acto de apertura da mostra estiveron presentes o deputado provincial de Cultura e Lingua, Xosé Leal, a concelleira de Cultura de Vilagarcía, Sonia Outón, o comisario da mostra, Octavio Beares, e a presidenta de XOGA, Mª Jesús Monterde.

"Esta exposición estanos permitindo dar a coñecer unha das facetas artísticas máis descoñecidas de Castelao" sinalou Xosé Leal durante a súa intervención referíndose á obra do rianxeiro nas tiras e debuxos e que en vida publicou en varios xornais galegos. "Tamén queremos vincular esta faceta coa actualidade, cos autores e autoras actuais que hoxe en día desempeñan esta disciplina con grande éxito no noso país" afirmou o deputado.

'De Castelao ao mañá: unha ollada ao cómic galego' referencia a produción de Castelao nos primeiros anos da súa traxectoria, que fixo a súa achega nun campo que, hoxe máis ca nunca, conta cunha importante representatividade de autores e autoras galegas que están traballando neste eido con moito éxito e calidade. A mostra,  comisariada polo coñecido crítico de cómic, Octavio Beares, establece un percorrido polas obras de debuxantes galegos comezando polo propio Castelao, quen co debuxo amosou sempre o seu compromiso coa arte e a lingua galega, como se pode apreciar nas reproducións das tiras e debuxos publicados en Vida Gallega e o diario Galicia; ata os autores máis actuais, como son Kiko da Silva, José Domingo, Miguelanxo Prado, Mar Abad ou David Rubín. Unha selección na que se intentou incluír os autores e autoras galegas que son referencia no eido do cómic ata o día de hoxe, e tomando a  Castelao como referente.

Para facer a visita á exposición máis completa e accesible, pódese facer uso dunha audioguía e signoguía elaborada en colaboración con XOGA, Organización de Xordos de Galicia, e á que se accede mediante o código QR que aparece na sala e nos carteis. Ademais de explicacións orais e escritas incorpora a lingua de signos, cumprindo así cunha obriga patente de facer accesible os contidos culturais para todas e todos. Neste eido hai que lembrar que para concienciar a toda a poboación sobre a necesidade de promover actitudes inclusivas e integradoras para o conxunto da sociedade, a Deputación tamén puxo en marcha unha campaña en redes sociais para difundir o signo co que se nomea Castelao en lingua de signos. Para favorecer este tipo de actitudes, todas as persoas que queiran colaborar coa campaña aínda están a tempo de subir unha foto 'signando' Castelao ao Twitter coa etiqueta #signaCastelao e facendo mención á conta da Deputación @depo_es. O signo consiste en colocar os dedos índice e polgar realizando un círculo sobre un dos ollos, en referencia ás gafas redondas que portaba o propio Castelao. Cada persoa debe realizar o signo cunha soa man, recomendándose que se realice coa man que se usa para escribir (as persoas destras coa dereita e as zurdas coa esquerda).

'De Castelao ao mañá: unha ollada ao cómic galego' poderá visitarse na Sala de Exposicións do Auditorio de Vilagarcía ata o vindeiro 8 de outubro.


Novas relacionadas