Noticias

A exposición sobre árbores singulares xa pode visitarse no museo Manuel Torres de Marín

A mostra, organizada polo Departamento de Cultura e Lingua en colaboración coa Estación Fitopatolóxica Areeiro, poderá visitarse ata o 28 de outubro


11 outubro 2018
As nosas senlleiras

A exposición ‘As nosas senlleiras', organizada polo Departamento provincial de Cultura e Lingua e a Estación Fitopatolóxica Areeiro (EFA) da Deputación de Pontevedra, foi inaugurada esta tarde no Museo Manuel Torres de Marín pola deputada delegada da EFA, Eva Vilaverde, pola alcaldesa da localidade, María Ramallo, e pola comisaria e xefa de servizo da EFA, Carmen Salinero. Con esta mostra, que poderá visitarse ata o 28 de outubro, preténdese poñer en valor o importante patrimonio natural da provincia e dar a coñecer as características das árbores máis singulares. Ademais, está programada unha actividade complementaria, especialmente dirixida a público infantil, que baixo o título ‘Verbas no monte', terá lugar o sábado 20 de outubro, ás 11:30 horas, na Alameda –en caso de choiva trasladarase ao Museo Manuel Torres–.

A mostra recolle 35 árbores senlleiras catalogadas na provincia de Pontevedra e está composta por paneis ilustrativos coa imaxe actual e unha pequena ficha de cada unha delas. A maior parte dos paneis contan ademais cunha planta de pequeno tamaño para ilustrar como é a árbore ao natural. Neste sentido, a deputada delegada da Estación Fitopatolóxica Areeiro, Eva Vilaverde, fixo fincapé en que "é importante difundir este patrimonio natural que temos na provincia, para coñecelo e preservalo, e esperamos que, no futuro, incluso amplialo". Eva Vilaverde tamén insistiu na importancia desta exposición para "achegarnos de xeito doado e didáctico ás características destas árbores, ser conscientes da súa importancia na nosa contorna e poder identificalas e situalas nas distintas comarcas da nosa provincia". Pola súa banda, a comisaria Carmen Salinero explicou as características xenéricas das árbores senlleiras e dos procesos para que os exemplares sexan incluídos no catálogo oficial. Salinero tamén lembrou que Pontevedra é a provincia que máis exemplares posúe deste tipo de árbores.

Ademais das 35 árbores seleccionadas que aparecen referenciadas de xeito individual, a exposición tamén inclúe un mapa coas 50 árbores senlleiras e 12 formacións de 41 especies botánicas coas que a provincia de Pontevedra conta na actualidade. Teñen a consideración de senlleiras as árbores ou as formacións que, polas súas características extraordinarias ou destacables –tamaño, idade, significación histórica ou cultural, rareza, beleza–, son consideradas reliquias botánicas con valor natural, científico, cultural, didáctico, paisaxístico ou ornamental e merecedoras de especial protección. Estas árbores singulares considéranse protexidas para todos os efectos, o que implica a prohibición de calquera acción que poida afectar negativamente á súa integridade, saúde ou aparencia. Posúen, ademais, unha protección legal que tamén afecta ao seu ámbito inmediato.

As nosas senlleiras' é unha mostra que xa formara parte da programación cultural da Deputación durante o pasado exercicio, cun percorrido por varios concellos. Neste 2018, esta exposición xa visitou os concellos de Barro, O Rosal e As Neves, e tras pasar por Marín, rematará a itinerancia en Mos. O horario de visita da mostra en Marín é de 18 a 21 horas de martes a venres.