Noticias

A exposición sobre árbores singulares remata a súa itinerancia no pazo de Mos

A mostra, organizada polo Departamento de Cultura e Lingua en colaboración coa Estación Fitopatolóxica Areeiro, poderá visitarse ata o 24 de novembro


08 novembro 2018
Senlleiras Mos

A exposición ‘As nosas senlleiras', organizada polo Departamento de Cultura e Lingua e a Estación Fitopatolóxica Areeiro (EFA) da Deputación de Pontevedra, foi presentada esta mañá no pazo de Mos pola deputada delegada da EFA, Eva Vilaverde, pola alcaldesa da localidade, Nidia Arévalo, e pola comisaria e xefa de servizo da EFA, Carmen Salinero. Con esta mostra, que poderá visitarse ata o 28 de novembro, preténdese poñer en valor o importante patrimonio natural da provincia e dar a coñecer as características das árbores máis singulares. Ademais, está programada unha actividade complementaria, especialmente dirixida a público infantil e familiar, que baixo o título ‘Verbas no monte', terá lugar o domingo 18 de novembro, ás 18:00 horas, no mesmo pazo. Ao acto de apertura da mostra tamén asistiu un grupo de rapaces e rapazas das dúas aulas de 5.º de primaria do CEIP Mestre Alonso de Mos.

A deputada delegada da Estación Fitopatolóxica Areeiro, Eva Vilaverde, explicoulle ao alumnado a importancia de "coñecer as árbores máis singulares da provincia, coñecer a súa historia e as súas lendas, e a partires deste coñecemento aprecialas e conservalas". Eva Vilaverde tamén insistiu na importancia desta exposición para "coñecer toda a historia que atesouran estas árbores, porque algunha delas escoitou falar a personaxes históricos que estades estudando no colexio como ao Padre Sarmiento ou ás Irmandades da Fala, e deron sombra a moitas das súas xuntanzas". Pola súa banda, Nidia Arévalo agradeceu á Deputación "que tivera a ben incluír a Mos na rede de concellos polos que pasou esta exposición" e animou a todos os centros educativos da localidade "a participar nesta actividade que consideramos importante e necesaria".

A comisaria Carmen Salinero explicou as características xenéricas das árbores senlleiras e dos procesos para que os exemplares sexan incluídos no catálogo oficial, ao tempo que insistiu en que "estas árbores son monumentos vivos, tan importantes como outros monumentos como poden ser unha catedral ou unha estatua". Salinero tamén lembrou que Pontevedra é a provincia que máis exemplares posúe deste tipo de árbores. A mostra recolle 35 árbores senlleiras catalogadas na provincia de Pontevedra e está composta por paneis ilustrativos coa imaxe actual e unha pequena ficha de cada unha delas. A maior parte dos paneis contan ademais cunha planta de pequeno tamaño para ilustrar como é a árbore ao natural. Ademais das 35 árbores seleccionadas que aparecen referenciadas de xeito individual, a exposición tamén inclúe un mapa coas 50 árbores senlleiras e 12 formacións de 41 especies botánicas coas que a provincia de Pontevedra conta na actualidade.

Teñen a consideración de senlleiras as árbores ou as formacións que, polas súas características extraordinarias ou destacables –tamaño, idade, significación histórica ou cultural, rareza, beleza–, son consideradas reliquias botánicas con valor natural, científico, cultural, didáctico, paisaxístico ou ornamental e merecedoras de especial protección. Estas árbores singulares considéranse protexidas para todos os efectos, o que implica a prohibición de calquera acción que poida afectar negativamente á súa integridade, saúde ou aparencia. Posúen, ademais, unha protección legal que tamén afecta ao seu ámbito inmediato.

‘As nosas senlleiras' é unha mostra que xa formara parte da programación cultural da Deputación durante o pasado exercicio, cun percorrido por varios concellos. Neste 2018, esta exposición remata a súa itinerancia en Mos despois de ter visitado os concellos de Barro, O Rosal, As Neves, e Marín. O horario de visita da mostra para público xeral no pazo de Mos, é de 17:00 a 21:00 horas, de luns a sábado.