Noticias

A exposición sobre árbores singulares chega ás Neves para concienciar sobre o patrimonio natural

A mostra, organizada polo Servizo de Cultura e Lingua en colaboración coa Estación Fitopatolóxica de Areeiro, poderá visitarse na Casa da Xuventude ata o 7 de outubro


20 setembro 2018
Exposición árbores singulares en As Neves

A exposición ‘As nosas senlleiras', organizada polo Servizo provincial de Cultura e Lingua e a Estación Fitopatolóxica de Areeiro (EFA) da Deputación de Pontevedra, foi inaugurada esta mañá na Casa da Xuventude das Neves pola deputada delegada da EFA, Eva Vilaverde, polo alcalde da localidade, Xosé Manuel Rodríguez, polo concelleiro de Medio Ambiente, Óscar González, e pola comisaria Begoña Fernández Lorenzo e contou coa asistencia de parte do alumnado do CEIP pazo da Mercé. Con esta mostra, que poderá visitarse ata o 7 de outubro, preténdese poñer en valor o importante patrimonio natural da provincia e dar a coñecer as características das árbores máis singulares. Ademais, está programada unha actividade complementaria baixo o título ‘Verbas no monte', que combina música con narración oral e está especialmente dirixida a público infantil e escolar, e que terá lugar mañá venres ás 11h no propio centro escolar de pazo da Mercé.

A mostra recolle 35 árbores senlleiras catalogadas na provincia de Pontevedra e está composta por paneis ilustrativos coa imaxe actual e unha pequena ficha de cada unha delas. A maior parte dos paneis contan ademais cunha planta de pequeno tamaño para ilustrar como é a árbore ao natural. Neste sentido, a deputada delegada da Estación Fitopatolóxica de Areeiro, Eva Vilaverde, explicoulle ao alumnado que "estas árbores ademais do seu valor botánico, que por desgraza aquí vos dades conta perfectamente de cal é despois da catástrofe dos incendios do ano pasado, tamén son árbores depositarias dunha historia, e ao redor de moitas delas fóronse conformando lendas que forman parte da nosa cultura". Eva Vilaverde tamén insistiu na importancia desta exposición para "coñecer o noso patrimonio, para poder valoralo e conservalo".

O rexedor municipal, Xosé Manuel Rodríguez puxo especial interese en salientar que "esta mostra, que é unha exposición viva, simboliza a nosa necesidade de reconstruírnos, de avanzar cara o futuro e de deixar atrás o pasado". O alcalde aseguroulle ao alumnado presente que "vós sodes o cordón umbilical que nos une con ese futuro do que falo" e animounos a volver a visitar a exposición fóra do contexto escolar e en compañía das súas familias e amizades. Pola súa banda, a comisaria Begoña Fernández Lorenzo explicou as características xenéricas das árbores senlleiras e dos procesos para que os exemplares sexan incluídos no catálogo oficial. Begoña Fernández Lorenzo tamén indicou que na comarca hai dúas árbores singulares catalogadas, o Piñeiro de Alxén en Salvaterra de Miño, e o Carballo da Portela en Mondariz, e que a provincia de Pontevedra é a que máis exemplares posúe deste tipo de árbores.

Ademais das 35 árbores seleccionadas que aparecen referenciadas de xeito individual, na exposición tamén se inclúe un mapa coas 58 árbores senlleiras e 2 formacións de 41 especies botánicas coas que a provincia de Pontevedra conta na actualidade. Teñen a consideración de senlleiras as árbores ou as formacións que, polas súas características extraordinarias ou destacables -tamaño, idade, significación histórica ou cultural, rareza, beleza-, son consideradas reliquias botánicas con valor natural, científico, cultural, didáctico, paisaxístico ou ornamental e merecedoras de especial protección. Estas árbores singulares considéranse protexidas para todos os efectos, o que implica a prohibición de calquera acción que poida afectar negativamente á súa integridade, saúde ou aparencia. Posúen, ademais, unha protección legal que tamén afecta ao seu ámbito inmediato.

‘As nosas senlleiras' é unha mostra que xa formara parte da programación cultural da Deputación durante o pasado exercicio, cun percorrido por varios concellos. Neste 2018, esta exposición xa visitou so concellos de Barro e O Rosal, e tras pasar por As Neves, continuará a súa itinerancia por Marín e Mos.