Noticias

A exposición organizada por Vía Galega ‘Galiza. un Pobo, unha selección', en Vigo da man da Deputación de Pontevedra

A mostra, aberta dende hoxe no CVC de Valadares, reivindica o dereito de Galiza a competir a nivel oficial e internacional en todas as disciplinas deportivas


18 novembro 2021
Exposición organizada por Vía Galega ‘Galiza. un Pobo, unha selección', en Vigo

A  exposición ‘Galiza, un Pobo, unha selección', organizada por Vía Galega e coa colaboración da Deputación de Pontevedra, está dende hoxe aberta á cidadanía de Vigo no CVC de Valadares co obxectivo de reivindicar o dereito de Galiza a competir a nivel oficial e internacional en todas as disciplinas deportivas e o dereito das galegas e galegos "a sentir as nosas cores, cantar o noso himno, vibrar como público coas nosas seleccións e izar a nosa bandeira".

Na presentación da exposición estiveron o coordinador de Vía Galega en Vigo, Nuno Galán, que fixo de anfitrión, o portavoz da plataforma social Anxo Louzao, e a deputada de Lingua da Deputación de Pontevedra, María Ortega. Todos eles salientaron a necesidade de galeguizar o deporte e de reivindicar a Galiza como pobo con soberanía plena tamén no deportivo demostrando "que somos unha potencia".

Vía Galega, plataforma constituída por 61 entidades, ten en marcha unha campaña –da que forma parte a mostra- que ten como obxectivos esixir o dereito de Galiza  a poder competir  a nivel oficial e internacional en todas as disciplinas deportivas; reivindicar as  seleccións deportivas galegas, tanto masculinas como femininas,  en todos os deportes colectivos como un dereito do Pobo galego; contribuír a fortalecer a autoestima  e  a conciencia nacional mediante  o deporte; pór en valor e potenciar os deportes autóctonos; amosar a potencialidade no ámbito deportivo do país e  coñecer a historia deportiva e a importancia  para a cultura; galeguizar o deporte galego e  promover a normalización; impulsar  a igualdade  de xénero e a cohesión social nun ámbito como  é o deporte; ademais de poñer en valor o deporte de base e potenciar os deportes autóctonos.

Ademais da exposición, que pasará por 35 localidades e consta de 20 paneis explicativos divididos en 17 bloques temáticos, a campaña en favor das seleccións deportivas galegas susténtase tamén nun  manifesto, na publicación  dunha revista, un xornal nun vídeo- documental, unha canción reivindicativa, e diferentes palestras por todo o país.

Segundo explicou Louzado, Galiza "parte dun contexto,  a  falta de soberanía nacional, que impíde  participara oficialmente, sendo incluso  perigoso, competir  coas nosas cores, a pesares de sermos referentes e unha  potencia a nivel internacional en distintas disciplinas deportivas, tal como se demostrou nos últimos Xogos Olímpicos. A pesares diso, Galiza segue ausente  dos podios e a nosa bandeira invisibilizada".

O voceiro de Vía Galega subliñou que "só coas nosas seleccións e os nosos deportistas nos vemos representados como país que somos. Son un  símbolo  de identidade dun pobo. Un elemento de cohesión social e integración". Na mesma liña, criticou que o goberno do PP tumbou incluso a posibilidade de disputar competicións amigábeis logo do rexurdir da selección de fútbol, que tivo no 2005 no partido entre Galiza e Uruguai en San Lázaro un dos seus momentos máis lembrados.

Pola súa banda, a deputada de Lingua da Deputación de Pontevedra, María Ortega, quixo participar na inauguración da exposición para amosar o seu apoio e o soporte provincial á campaña. Indicou a súa total coincidencia coa reivindicación de que "Galiza sexa dona de si e manteña relacións de igualdade cos demais pobos do mundo" e destacou que é preciso facer valer dereitos colectivos para tamén acadar dereitos individuais.

"Formamos parte dunha nación que debe ter vontade de exercer como tal. Temos que desenvolver as nosas potencialidades, e está claro que o deporte é unha delas, sendo como é ademais unha actividade que xera vínculos e símbolos que reforzan a identidade colectiva", apuntou.

Sinalou tamén a importancia do deporte como axente normalizador da lingua galega e agradeceu proxectos e actividades como a impulsada por Vía Galega. "Que o noso deporte fale galego é un valor a coidar e defender. Ninguén, nin na elite, vai ter problemas na súa traxectoria por utilizalo, máis ben supón un plus", salientou.

Fotos