Noticias

A exposición "O rostro das letras" amosa fotografías de escritoras e escritores españois do Romanticismo á Xeración de 1914

Inclúe escenas públicas e privadas de personaxes como Valle-Inclán, Manuel Murguía, Eduardo Pondal, Curros Enríquez, Menéndez Pelayo, Benito Pérez Galdós, Azorín, Rosalía de Castro, Emilia Pardo Bazán, e Machado


07 oct 2016
O rostro das letras
O rostro das letras

O Museo de Pontevedra acolle a exposición O rostro das letras. Escritores e fotógrafos en España desde o Romanticismo ata a Xeración de 1914 que, organizada pola Comunidad de Madrid, Acción Cultural Española (AC/E), a Real Academia Española (RAE) e a Deputación de Pontevedra, ofrece a posibilidade de poñerlle rostro e achegarse á persoa oculta detrás de importantes escritores e escritoras desde o Romanticismo ata a Xeración de 1914. A mostra foi presentada esta mañá polo director do Museo de Pontevedra, Carlos Valle, polo comisario, Publio López, e polo deputado de Cultura e Lingua, Xosé Leal. Na presentación, Leal puxo o acento nos referentes galegos, nomeadamente no protagonismo das dúas mulleres escritoras que se inclúen na mostra: Rosalía de Castro e Emilia Pardo Bazán. Mencionou ademais a importancia de que "non só se pode ver fotografía, senón que a mostra está complementada con texto e materiais impresos para que o público poida coñecer parte das obra dos autores e autoras". Pola súa banda, Publio López mencionou o percorrido que abrangue a proposta expositiva na propia evolución das técnicas fotográficas. Sinalou, ademais, que "ao conxugar fotografía e literatura, estamos aunado dúas linguaxes cunha gran capacidade narrativa".

A exposición, comisariada por Publio López Mondéjar e por Lucía Laín como adxunta, representa, en escenas públicas e privadas, a diferentes persoeiros da vida cultural española como Rosalía de Castro, Valle-Inclán, Manuel Murguía, Eduardo Pondal, Curros Enríquez, Galdós, Baroja, Marañón, Ortega y Gasset, Jacinto Verdaguer, Emilia Pardo Bazán, Eugenio d´Ors, ou Unamuno. Tamén quere ser unha homenaxe a grandes fotógrafos dos séculos xix e xx que foron testemuñas dunha época gloriosa da literatura española e galega, como Alfonso, Compañy, Franzen, Juliá, Kaulak, Nicolás Muller, Santos Yubero, Catalá-Roca e Ramón Masats, entre outros.

O rostro das letras, que poderá visitarse do 7 de outubro ao 27 de novembro, é o resultado dun estudo exhaustivo do retrato fotográfico español nese período e o seu reflexo no campo da literatura. O conxunto expositivo ofrece un percorrido, a través dos fotógrafos máis relevantes do seu tempo, por máis dun século de historia da fotografía e a literatura no Estado español, desde o ano en que se fixo público o invento do daguerrotipo, en 1839, ata os días postreiros dos membros da Xeración de 1914.

Moito máis que fotografías

A mostra, coa que se conmemora desde o Museo de Pontevedra o 150 aniversario do nacemento de Valle-Inclán, recolle as confluencias entre escritores e fotógrafos desde o Romanticismo ata a Xeración de 1014, con  arredor de dous centenares de pezas -entre fotografías, libros e documentos- nas que se reflicte a evolución do retrato fotográfico ao longo dun século: desde os días do daguerrotipo e o calotipo -primeiros procedementos fotográficos-, ata o desenvolvemento da prensa ilustrada e o mundo dos reporteiros gráficos, en pleno século XX.

O público poderá descubrir unha gran selección de fotografías dos séculos XIX e XX e outros materiais expostos en vitrinas. Nelas amósanse coleccións de postais, folletos, edicións de novelas populares coas efixies dos escritores e escritoras, álbums nos que se gardaban os retratos familiares e das celebridades do día e exemplares das grandes revistas ilustradas da época, nas que se publicaban regularmente os retratos dos escritores e escritoras. Completando o conxunto expositivo, elaborouse un audiovisual que amosa os retratos dos máis importantes literatos deste período da literatura española, así como unha selección de rexistros sonoros e numerosas filmacións cinematográficas das época.

A exposición organízase en cinco ámbitos diferentes e, en cada un deles, inclúense citas e frases dos autores máis representativos da época. Os cinco apartados son: ‘Os escenarios da cultura, que recolle diferentes imaxes panorámicas da época; ‘Os primeiros retratos fotográficos', cos primeiros retratos coñecidos dos escritores e escritoras; ‘Os vellos estudos fotográficos', dedicado exclusivamente a estes profesionais e ás súas galerías de retrato; ‘Tertulias e cafés', no que se reúnen fotografías de cafés e outros lugares de reunión dos literatos; e ‘O século XX', protagonizado por reporteiros gráficos, grandes retratistas, os membros da Xeración do 98 e os escritores da emerxente Xeración do 14.

López Mondéjar (fotógrafo, fotohistoriador, xornalista e académico da Real Academia de Bellas Artes de San Fernando desde 2006) é actualmente un dos fotohistoriadores que goza de maior recoñecemento profesional e un dos primeiros historiadores da fotografía no Estado español. Ten compaxinado dita tarefa coa de comisario de exposicións, recibindo numerosos galardóns, como o Premio Bartolomé Ros de PHotoEspaña (1999) e o Premio Especial de la Sociedad Europea de Historia de la Fotografía (2000).

Curtametraxe Cemiterio de almas

Con motivo desta mostra realizouse a curtametraxe ‘Cemiterio de almas', dirixido por Arantxa Aguirre. A curtametraxe poderá verse na exposición e ofrece, a partires do asombro que sinte Unamuno fronte a unha fotografía da súa xuventude ("por nuestro cuerpo van desfilando diversos hombres, es un cementerio de almas"), unha serie de retratos impresionistas das figuras literarias a través das súas fotografías e dunha selección de poemas e textos autobiográficos, lidos en moitos casos polos propios autores. Voces e rostros que por un instante fan revivir na pantalla aos grandes escritores do pasado.